XUNTA DE GOBERNO

O Concello adxudica a xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas por 335.780 euros

16/12/2008 A Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente a xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas. Entre outros acordos, aprobáronse tamén as bases do Programa Persoa VI e a relación de proxectos de competencia municipal que se van acoller ao fondo do plan de investimentos do Estado.

A xestión das escolas municipais infantís de Conxo e Fontiñas adxudicouse provisionalmente á empresa SERMASA. O importe é de 162.903 e 172.877 euros, respectivamente. O total supón un investimento de 335.780 euros .

Emprego
En materia de emprego, aprobáronse as bases e o procedemento para a selección de alumnado do proxecto Persoa VI. Ofértanse 120 prazas en varias especialidades como dirección e xestión de centros de atención a maiores, especialista en atención ás persoas maiores e discapacitados, especialista en mediación familiar e socioeducativa na relación de conflitos ou experto en envellecemento activo, entre outras.

Establécense dous procesos selectivos do alumnado: unha primeira quenlla do 16 de decembro de 2008 ao 15 de novembro de 2009 e unha segunda do 1 de outubro de 2009 ao 30 de setembro de 2010.

O proxecto Persoa ten como finalidade promover a integración laboral de persoas en situación de desemprego, a través da súa participación nun proceso integrado de inserción (formación , práctica en empresas e apoio á colocación), en ocupacións encadradas como novos xacementos de emprego.

Medio Ambiente
Na sesión da Xunta de Goberno tamén se deu conta da concesión á Concellería de Medio Ambiente por parte da Consellería de Medio Ambiente dunha subvención de 8.000 euros. Destinarase á posta en valor do río Tambre. En concreto, trátase da edición de paneis explicativos e folletos explicativos da riqueza natural deste río e de por en marcha dous roteiros polas súas beiras.

Vivenda
No ámbito da vivenda, deuse conta da sinatura de varios acordos das comisións bilaterais formadas por Concello, Xunta e Ministerio de Vivenda para executar varios proxectos de urbanización e rehabilitación. Así, ratificouse a sinatura do acordo relativo á urbanización do SUNP-14 de Tras Paxonal, do SUNP-11 do Castiñeiriño, da terceira fase da Área de Rehabilitación Integral do Polígono de Vista Alegre e da décima fase da Área de Rehabilitación do Casco Histórico.

Tamén se aprobaron inicialmente 59 axudas á rehabilitación de vivendas e locais do Casco Histórico. Delas, 14 están financiadas pola oitava fase do convenio subscrito no seu día entre o Concello, a Consellería de Vivenda e o Ministerio de Vivenda, por un importe de 81.822 euros. As outras 45 van a cargo da novena fase do devandito convenio e supoñen un importe total de 302.761 euros.

Benestar Social
Respecto a Benestar Social, acordouse a sinatura do convenio para o plan e mellora da calidade asistencial do Plan Galego de Drogas. A Consellería de Sanidade aboará a cantidade de 11.402 euros.

Fondo do Estado e novas rúas
Finalmente, aprobáronse dous puntos xa anunciados o luns 15. Así, deuse o visto bo provisional á relación de proxectos de competencia municipal que se van acoller ao fondo do plan de investimentos do Estado. Tamén se acordou asignar o nome de Asís, Le Puy-en-Velay e Santiago do Caçem a tres rúas do SUNP-31 de San Marcos.

Documentos relacionados



Compartir: