EDUCACIÓN

Teatro para sensibilizar sobre o tráfico de nenos e nenas

16/12/2008 O libriño non me levou ao país das marabillas é o título dunha obra de teatro coa que se pretende denunciar o tráfico de nenos e nenas. Forma parte da campaña de sensibilización "Stop ao tráfico de nenos", promovida pola ONG Terra de Homes e na que colabora o Concello.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e Raúl Besada, en representación de Terra de Homes, presentaron esta obra, representada por Trotaconventos Teatro e dirixida por Carlos Freire. O público atopará unha denuncia do tráfico de nenos con fins de prostitución infantil, da explotación laboral e da participación dos menores en conflitos armados. Porase en escena un caso de tráfico de nenos e nenas nun país do Leste de Europa.

O obxectivo é sensibilizar á opinión pública sobre esta lacra, que afecta cada ano a un millón e medio de nenos de todo o mundo. Ademais, pasarase un vídeo coa recreación doutro caso, neste caso dunha nena dun país africano. Este representación forma parte dunha campaña, "Stop ao tráfico de nenos", que a ONG vén desenvolvendo dende hai cinco anos.

O libriño non me levou ao país das marabillas representarase o 17 de decembro, ás 19:30 horas, no Teatro Principal. A participación é libre e de balde ata cubrir o aforo. Ten unha duración de hora e vinte minutos e está dirixida a un público a partir dos 12 anos.

Compartir: