COMERCIO

Máis de 30 comercios participan na Edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo

15/12/2008 Trinta e catro comercios de diferentes sectores inscribíronse na Edición de Nadal do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2008, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Entre os comercios participantes predominan os de téxtil e confección, sobre todo de moda infantil, os de decoración e agasallos e os de artesanía. A lista de inscritos tamén inclúe estabelecementos de óptica, alimentación, deportes, xoguetarías, floristarías, perfumarías, xoiarías, librarías e parafarmacias.

O prazo de presentación de solicitudes rematou o venres, 12 de outubro. Comezou deste xeito o período de exposición dos comercios. Unha equipa de profesionais fotografiará os escaparates e o interior dos estabelecementos. Este material será estudado por un xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Á hora de establecer os premios, valorarase especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos locais comerciais. Neste senso é importante subliñar que no concurso prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro. En xaneiro nomease un gañador anual entre os estabelecementos cunha maior presenza e continuidade ao longo das distintas edicións do certame. Na anterior edicion o gañador anual foi a tenda de marroquinería Media Lúa.

Compartir: