CULTURA

Compostela non falta á súa cita de Nadal coa lírica

15/12/2008 O Teatro Principal acollerá a VIII edición do Festival de Zarzuela Todo lírica que, como cada Nadal, ofrece espectáculos de música lírica para toda a familia. Serán tres concertos os días 21 e 30 de decembro e 3 de xaneiro, todos ás 21:00 horas.

A concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, presentou este ciclo de concertos e destacou a entidade deste Festival de Zarzuela. Así, logo de oito edicións, sitúase xa coma un evento de referencia en Compostela.

Tamén estivo na presentación do Festival o director da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, José Víctor Carou, quen relatou a evolución do certame dende o seu inicio, no ano 2000. Na orixe os espectáculos cinguíanse exclusivamente á música de zarzuela mais, co paso do tempo, "preferimos abrirnos a outros xéneros musicais como o tango ou o musical americano, coa intención de ofrecer unha oferta musical ampla e lúdica para toda a familia nestas datas de Nadal". De aí tamén o novo nome Todo lírica.

Variado programa
Carou salientou a relevancia do primeiro concerto do Festival, o domingo 21 de decembro, onde se poderá gozar da voz da mezzosoprano Manuela Custer, que interpretará obras de Mario Castelnuovo Tedesco e Xavier Montsalvage, na primeira parte do recital, e unha persoal mestura de xéneros e autores na segunda.

O martes 30 de decembro celebrarase un espectáculo que corresponde á zarzuela máis xenuína, con catro actores de primeiro nivel que percorrerán distintos xéneros de baile cuxa influencia na zarzuela foi decisiva: pasodobre, tango, fox-trot, etc. A interpretación ao piano correrá a cargo do pianista vigués Borja Mariño.

Xa para rematar, o sábado 3 de xaneiro, actúa por vez primeira en Compostela o barítono Borja Quiza, un intérprete coruñés que, a pesar da súa mocidade, ocupa xa un lugar destacado no panorama lírico internacional. Quiza interpretará un programa variado de autores españois de zarzuela que vai da romanza ao tango pasando polos grandes clásicos do musical americano.

Cada un dos concertos ten un prezo de 6 euros, se ben se pode mercar un bono ao prezo de 12 euros para os tres concertos. As entradas pódense mercar anticipadamente a través de Caixa Galicia, no 902 43 44 43, ou por internet en www.caixagalicia.es.

Documentos relacionados



Compartir: