EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra o Nadal a ritmo de cine

15/12/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou una nova edición do Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música, que este ano leva o título de "Música e cine". Celebrarase o xoves 18 de decembro, ás 19:30 horas, no Teatro Principal.

Nesta edición, os integrantes da Escola Municipal de Música interpretarán versións de grandes bandas sonoras do cine: Candilexas, Parque Xurásico, O home elefante ou Amèlie, entre outras. Participarán a orquestra (25 integrantes), o coro (22) e o alumnado da especialidade de Música e Movemento (arredor de 56 alumnos e alumnas entre 4 e 7 anos). Para todos eles, e segundo o seu nivel de destreza, preparáronse diferentes arranxos, segundo indicou a directora da Escola, Montserrat López merino.

Este concerto anual é un expoñente do traballo que realiza nesta institución educativa. Tamén é a ocasión para participar de balde nunha actividade cultural que pretende dinamizar a vida musical da cidade.

Catro novos cursos
A concelleira presentou tamén a programación de cursos da Escola para o primeiro trimestre de 2009, que responden á demanda manifestada no centro. Ademais, en palabras do xerente de Trobeiro (empresa encargada da xestión), Óscar Villar, é unha oportunidade para achegar á música a xente que non ten coñecementos previos sobre a mesma.

O primeiro dos curso é o de coro, impartido polo director de coros e cantante Ramón Bermejo ata o 30 de xuño. Os ensaios realizaranse os xoves ás 20:30 e 22:00 horas. O seu obxectivo é captar a xente que desexe formar parte dun coro como actividade lúdica musical.

Outro curso é o de musicoterapia, do que se encargará a directora da escola e musicoterapeuta Montserrat López Merino. Está dirixido a persoas que desexen experimentar nun espazo onde o son e a música lles permita descubrir o proceso creativo interior que favoreza o seu crecemento persoal. Desenvolverase ata o 30 de xuño.

A informática musical será a materia doutro dos cursos. Da man do guitarrista e pedagogo Carlos Calviño, os alumnos coñecerán as novas tecnoloxías musicais, tan importantes na actualidade para o proceso creativo. As sesións celebraranse os días 2, 3, 9, 10, 16 e 17 de febreiro.

Finalmente, realizarase un curso de introdución á música pop-rock. Estará impartido polo músico e pedagogo Ton Risco e polo músico compostelán Andoni Arcos, ambos os dous membros do grupo Cornelius. O obxectivo é ofrecer novas ferramentas de traballo para entender o proceso de creación musical neste estilo. Terá lugar os días 2, 9, 16 e 23 de marzo.

Compartir: