INVESTIMENTO PÚBLICO

Varias obras de urbanización acapararán a maior parte do fondo estatal de investimento local

15/12/2008 A tenenta de alcalde, Elvira Cienfuegos, e a voceira socialista, Marta Álvarez-Santullano, presentaron a lista provisional das obras nas que o Concello de Santiago investirá os 16.585.924 euros que lle corresponden do fondo extraordinario de investimento público local habilitado polo Goberno central. A maior parte do investimento destinarase a obras de urbanización.

Segundo indicou Marta Álvarez-Santullano, este fondo estatal é "unha oportunidade para os Concellos". Á hora de determinar as obras elixidas, e dada a premura de tempo, elixíronse aqueles proxectos que xa teñen proxectos dispoñibles ou en vía de elaborarse, e que non dependera de expropiacións ou de autorizacións doutras Administracións. Neste sentido, lembrou que as obras deben estar executadas nun prazo máximo de 12 meses e que antes do 24 de xaneiro debe presentarse a memoria cos proxectos a executar ao Ministerio de Administracións Públicas.

A Xunta de Goberno do martes 16 aprobará este listado provisional, a fin de dar vía libre á elaboración en prazo dos proxectos daquelas obras que aínda non os teñan. En calquera caso, a memoria explicativa a presentar deberá determinar para cada proxecto a previsión de postos de traballo que creará, o principal obxectivo deste fondo adicional do Estado. Este punto será un dos que puntuará á hora de adxudicar as obras, segundo un prego de condicións tipo que está a elaborar o Goberno central.

Elvira Cienfuegos foi a encargada de explicar as distintas obras elixidas. En total son 18 proxectos, dos que a maior parte corresponden a obras de urbanización, nas que se inclúen conceptos como a dotación de servizos ou a supresión de barreiras arquitectónicas. Entre estas obras destacan as de urbanización da rúa Londres, con 2.500.000 euros, da rúa Canteira (1.000.000) e da praza do Olvido (1.000.000). As obras nas rúas Gómez Ulla, Pérez Constanti, Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Curros Enríquez e Laverde Ruíz acapararán 2.500.000 euros e as da avenida de Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire outros 1.500.000. A estas hai que engadir as de Xeneral Pardiñas –entre Montero Ríos e Carreira do Conde- (700.000 euros), Pontepedriña (629.525), Cancelas (600.000), Meixonfrío (500.000) e rúa Raiola (380.169).

Outro investimento importante irá para obras de auga e saneamento nos barrios e no rural (935.000 euros) e un pouco máis (1.010.000) para obras no Camiño Francés e no Camiño de Fisterra. No Casco Histórico realizaranse obras de reurbanización en espazos públicos por importe de 1.331.920 euros. Estes investimentos complétanse cos previstos para melloras nos centros socioculturais e ampliación do de Laraño (700.000 euros), parques e campos de festa (350.000), acondicionamento do local para Protección Civil (355.484), reforma do pavillón polideportivo de Quiroga Palacios (342.826), conectividade a internet no rural (250.000).

A voceira socialista indicou tamén que a elección das obras pretende que estas beneficien ao maior número de cidadáns posible. Ademais, enmarcounas no capítulo de investimentos previsto globalmente nos orzamentos para 2009 e que supera os 50 millóns de euros.

Documentos relacionados



Compartir: