NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Navalla Suíza, Tórculo e Área Central, galardoados na novena edición do Premio Manuel Beiras

12/12/2008 O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela entregaron os galardóns da novena edición dos Premios Manuel Beiras. Os gañadores foron A Navalla Suíza, Torculo e Área Central.

As empresas galardoadas este ano e que mellor reflicten a esencia deste premio son: na categoría de nova incorporación ao uso da lingua galega, A Navalla Suíza, unha empresa de nova creación pero cun intenso percorrido en prol da lingua a través das novas tecnoloxías da información. Ademais, a orixinalidade da súa páxina web (www.anavallasuiza.com) e outros aspectos comunicativos e innovadores das súas propostas sorprenderon aos membros do xurado.

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego alzouse co premio Tórculo Artes Gráficas, unha imprenta compostelá que acaba de cumprir este ano o seu 25 aniversario, unha longa traxectoria empresarial na que utilizou como base estratéxica de comunicación a lingua galega.

Finalmente, a distinción especial recaeu no Centro Comercial Área Central, polo seu compromiso decidido na proxección da lingua galega desde a súa apertura na cidade fai xa 15 anos. Este centro comercial aberto atrae milleiros de cidadáns de Compostela e dos concellos limítrofes polas súas atractivas ofertas comerciais e de lecer, onde sempre se aposta polo uso da lingua.

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá da cidade. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. De maneira simbólica, os premiados recibirán unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.

No acto, celebrado no Hotel Araguaney, estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez Silva; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey Carril; e o vicepresidente da entidade cameral, Evaristo Rodríguez Carracedo, entre outras personalidades de Compostela.

Compartir: