ALCALDÍA

A revitalización do Casco Histórico recibirá un novo impulso en 2010 coa inauguración de catro novos edificios

12/12/2008 O ano 2010 será un ano de inauguracións no Casco Histórico, o que suporá "un novo impulso á revitalización" desta área da cidade, segundo anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Durante ese Ano Xacobeo inaugurarase o Centro Social Caixanova en Cervantes, o Auditorio Caixanova no antigo edificio de El Pilar, o Museo das Peregrinacións no antigo Banco de España e, probablemente, a remodelada Casa do Cabildo, que quedará vinculada ao devandito Museo.

O primeiro dos edificios en abrise será o Centro Social Caixanova, en febreiro ou marzo de 2010, indicou o alcalde. A continuación, en maio ou xuño, estará listo o Auditorio da devandita entidade bancaria. Neste sentido, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción polo visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio á modificación do Plan Especial do Casco Histórico que permitirá a construción do auditorio.

A intención do Goberno municipal é que este cambio do Plan Especial sexa aprobado definitivamente no Pleno ordinario do mes de decembro, unha vez que os impulsores do auditorio presenten o proxecto definitivo aténdose ás directrices de Patrimonio. Cómpre lembrar que a principal esixencia atinxe á necesaria conservación da escaleira, algo que, segundo explicou Sánchez Bugallo, xa ten contemplado o arquitecto.

Deste xeito, o Concello poderá conceder a licenza de obra no mes de xaneiro. E nese mesmo mes Caixanova licitaría as obras, apuntou Sánchez Bugallo á vista das conversación mantida co seu presidente, Julio Fernández Gayoso.

O seguinte edificio en inaugurarse, na segunda metade de 2010, será o Museo das Peregrinacións e de Santiago no remodelado Banco de España. Xa foi remitido o anuncio de licitación do proxecto recentemente presentado. E a finais de 2010 ou principios de 2011 abrirase a reformada Casa do Cabildo como edificio vinculado ao devandito Museo.

Reunións dos Santiagos en setembro de 2010
Na súa habitual rolda dos venres, o alcalde comunicou tamén que na última semana de setembro de 2010 celebrarase un encontro das diferentes cidades que levan o nome de Santiago. Sánchez Bugallo agarda que a esta xuntanza acudan un "núcleo representativo" das máis de 100 cidades denominadas Santiago en todo o mundo.

Ademais, recordou os contactos mantidos co arcebispo de Santiago de los Caballeros (República Dominicana), Ramón Benito de la Rosa y Carpio. Este comprometeuse a impulsar nas mesmas datas un encontro de bispos e arcebispos destas cidades. Finalmente, agradeceu á Municipalidade de Santiago de los Caballeros o "entusiasmo" co que organizaron o I Encontro de Santiagos de América e Europa.

Máis de 20 millóns en obras de inmediata execución
Outro tema ao que se referiu Sánchez Bugallo foi o do fondo extraordinario de investimento público creado polo Goberno central para os concellos. Santiago recibirá do mesmo 16.575.924 euros. Os proxectos das obras nas que se investirá esta cantidade serán aprobados na vindeira semana nunha Xunta de Goberno extraordinaria. Hai que ter en conta que estes proxectos deben ser remitidos ao Ministerio de Administracións Públicas a principios de xaneiro.

Ademais, recordou a habilitación doutros 4 millóns de euros dun fondo extraordinario previsto nos orzamentos. Deles, 2 millóns empregaranse e obras na rede viaria, 1 na rede de auga e saneamento e 1 para programas específicos de formación e inserción laboral vinculados a obras.

Entre o fondo extraordinario do Estado e o previsto polo Concello son máis de 20,5 millóns de euros adicionais de investimento. Así, a cifra total do gasto en investimento para 2009 superará os 50 millóns de euros, "a cifra máis alta nos orzamentos na nosa historia", recalcou Sánchez Bugallo.

Compartir: