BENESTAR SOCIAL

Quilombagem, un canto contra a escravitude

12/12/2008 O sábado 13 de decembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Colexio Peleteiro, terá lugar a representación do espectáculo Quilombagem. Un canto á resistencia antiga e nova, fronte a escravitude. Os fondos recadados serán para o Centro de Defensa da Vida e dos Dereitos Humanos de Açailandia (Brasil).

O espectáculo musical brasileiro Quilobagem é un canto de resistencia e loita pola liberdade ao través do canto, a poesía, a imaxe, a danza e a capoeira. A obra fala da historia da escravitude no Brasil. Da explotación dun home por outro home. Da escravitude antiga e daquela coa que conviven hoxe nas facendas e carboeiras do noroeste do Brasil. E di de forma rotunda: Non queremos ser escravos, non podemos selo, non o somos.

Poñer a arte ao servizo dunha cultura libertadora é o obxectivo deste espectáculo, que reflicte o traballo realizado ao longo de anos polo Centro de Defensa e dos Dereitos Humanos de Açailandia (CDVDH). Aqueles rapaces cos que o Centro comezou a traballar con 8 ou 9 anos son hoxe artistas recoñecidos internacionalmente, segundo recordou Carmen Bascarán Collantes, coordinadora do proxecto Quilombagem e representante do CDVDH. Porque como recordou, "a denuncia non basta e fai falta traballar na prevención" para afondar nesta "defensa da vida e dos dereitos humanos alí donde estean ameazados".

O acto foi presentado hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín. Acompañárona, ademais de Carmen Bascarán, María José Fernández Cerdeira, responsable de Manos Unidas en Santiago, e o coreógrafo Marcelo Granjeiro.

Os quilombos foron os territorios onde centos de escravos fuxidos conseguiron establecer aldeas libres. O quilombagem é un movemento de loita e resistencia que se creou a mediados do século XIX e aínda pervive. O Centro de Defensa da Vida e dos Dereitos Humanos de Açailandia (Brasil), dedícase a loitar contra a realidade criminal da escravitude, e pode considerarse un gran quilombo de acollida e refuxio para quen queren recuperar a súa dignidade roubada.

Ademais das importantes accións de denuncia que desenvolve, traballa para espertar a conciencia crítica nos mozos a partir do lúdico e da arte. Nestes anos, pasaron polo CDVDH máis de 5.000 nenos e nenas que ao través de actividades como danza, teatro ou capoeira convertéronse en axentes multiplicadores que denuncian a escravitude e divulgan os Dereitos Humanos. Moitos deles convertéronse en artistas e profesionais capaces de crear espectáculos de alto nivel coma este.

As entradas para o espectáculo véndense anticipadamente no Colexio Peleteiro (tenda), Tenda de Amarante (Romero Donallo) ou sede de Manos Unidas (Villar, 18). O mesmo día venderanse no propio Colexio. Existe tamén unha fila cero para doazóns: 2048 0090 81 3400027236.

Compartir: