CONSORCIO

Sánchez Bugallo entrega o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana ao alcalde de Gracias (Honduras)

12/12/2008 O alcalde de Gracias (Honduras), Jesús Eliseo Villanueva, e a directora da Oficina de Conxuntos Históricos Colosuca, Clara Cómez Pineda, recibiron de mans do alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008, dotado con 180.000 euros.

O xurado do premio, que estivo presidido polo arquitecto Xerardo Estévez, designara o 28 de outubro o proxecto de rehabilitación do Mercado Municipal de Gracias, na hondureña rexión de Lempira, como gañador entre un total de 37 proxectos presentados. Todos eles pertencen a 12 países latinoamericanos nos que hai 8 cidades Patrimonio da Humanidade.

Do mesmo modo que na edición anterior, o xurado tivo en conta a repercusión social do proxecto que, cun orzamento de execución de 302.426 euros, pretende rehabilitar o mercado municipal do centro histórico de Gracias co obxectivo de mellorar as condicións do comercio local.

Dúas fases de intervención
Esta intervención, proposta en dúas etapas, inclúe a restauración do edificio orixinal do mercado e a construción dun novo edificio anexo de dúas plantas. A súa execución contribuirá a mellorar as posibilidades comerciais de produción dos campesiños locais, dinamizar o centro histórico e fortalecer a formación dos mozos da escola Obradoiro de Colosuca. Un espazo no que se pretenden desenvolver actividades de carácter social e comercial, contribuíndo deste xeito á mellora do progreso económico da rexión Colosuca.

Ademais da contribución económica do premio, dotado con 180.000 euros, interveñen no financiamento global do proxecto o municipio de Gracias e os propios comerciantes do lugar. Así mesmo, a Escola Taller Colosuca e o Instituto Hondureño de Antropoloxía e Historia (IHAH) participarán na execución, asesoramento e supervisión do proxecto. O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008 tamén elixiu como finalistas outros catro proxectos: o proxecto urbano 35º na cidade de Medellín (Colombia); a recuperación da Praza do Rollo en Cuenca (Ecuador); a rehabilitación integral da Praza do Cristo na Habana (Cuba); e un parque urbano en Las Piedras (Uruguai).

Plenamente consolidado, o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana é xa un referente dentro de España pola súa singularidade e apoio ás políticas de recuperación urbana impulsadas polo Consorcio de Santiago e que para América Latina conta co apoio da Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (AECID) e da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

Compartir: