CONSORCIO

O Consello de Administración do Consorcio aproba un orzamento de máis de 17 millóns de euros para o ano 2009

09/12/2008 O Consello de Administración do Consorcio aprobou un
orzamento de 17.692.990,64 euros para o exercicio 2009, o que permitirá desenvolver os proxectos e programas do organismo interadministrativo. Este esforzo significa consolidar o protagonismo do Consorcio como motor das políticas de recuperación urbana e dinamización turístico cultural da cidade, ademais da atención dedicada ao Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica.

A este último programa destínaranse 1.211.789,69 euros;
unha cantidade que se utilizará para concluir a segunda fase do Sistema de Información Patrimonial (SIP) e dar continuidade á segunda anualidade do Proxecto URBE e do programa de publicacións.

Para os plans de Recuperación Urbana, o Consorcio de
Santiago destinará, en cambio, 6.124.222,92 euros, que serán distribuídos entre as novas axudas de rehabilitación e mantemento de edificios; á intervención en monumentos e elementos mobiliarios de valor histórico-artístico; ao programa de mantemento de lousados da cidade histórica; á novas actuacións no sistema viario; ao inicio do proxecto de expropiación do Castelo de A Rocha; á continuidade do programa de intervención en parques e á dotación do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana.

Para o programa de Dinamización Turístico-Cultural, o
Consorcio dedicará un orzamento de 8.620.428,66 euros, co ue se pretenden afianzar os proxectos máis destacados de dinamización cultural das administracións consorciadas, así como dotar de recursos o proxecto de licitación da obra do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias", que se vai construir dentro da finca de Vista Alegre.

En relación cos ingresos aportados polas administracións
consorciadas, a participación do Estado para o ano 2009 representa un 51,99 % dentro dos orzamentos aprobados; un 36,68 % por parte da Xunta de Galicia; e un 9,33 % por parte do Concello. Os ingresos patrimoniais representan un 1,98% do total. Estas porcentaxes correspóndense cos 9.200.000 euros da aportación do Estado, os 6.490.000 euros da Xunta de Galicia e o 1.652.000 euros do Concello de Santiago.

Compartir: