XUNTA DE GOBERNO

Luz verde á mellora e ampliación do saneamento en Vidán

09/12/2008 A concelleira Elvira Cienfuegos, como voceira da Xunta de Goberno, deu conta da ampliación do saneamento en Vidán, así como doutros asuntos tratados nesta xuntanza de 9 de decembro.

Nesta sesión da Xunta de Goberno Local elevouse a definitiva a adxudicación provisional do contrato para a realización das obras de ampliación do cinturón de abastecemento en VIDAN, subscrito coa empresa AQUAGEST, SA, por importe de 95.060,98 (máis 16% de IVE). Tamén se converteu en definitiva a adxudicación provisional do contrato para completar a elaboración do inventario informatizado sobre a base dun catastro previamente revisado dos bens e recursos que integran o patrimonio municipal do solo do Concello de Santiago. O contrato subscríbese con María José Freire-Garabal Núñez por un importe de 20.600 (máis o 16% do IVE) e un prazo de execución de nove meses e medio. Con respecto a obras da cidade, amplíase o prazo de execución das obras do contrato de construción e xestión dun aparcamento na Choupana, que se estenderá ata o 12 de abril de 2009.

No capítulo de obras, adxudicouse provisionalmente o servizo de coordinación e supervisión dos proxectos derivados do convenio de colaboración entre a CPTOPT e o Concello de Santiago de Compostela que permitirán cumprimentar as necesidades previstas pola celebración do ano santo 2010. A adxudicación recaeu na empresa CONTROL Y ESTUDIOS (CYE), SL, por importe de 59.400 euros (máis 16% do IVE).

A proposta da Alcaldía, aprobouse definitivamente o expediente complementario de extinción de dereito de arrendamento, que se valora na cantidade de 122.800 euros, no expediente de expropiación da Casa do Cabildo e aceptación de indemnización por mutuo acordo. Así mesmo, declarouse rematado convencionalmente o expediente administrativo.

No ámbito de Medio Ambiente, tomáronse en consideración varias cuestións, entre elas a xustificación das subvencións de prevención de incendios forestais 2008, das que se beneficiaron 27 persoas e que supuxeron un monto total de 15.000 euros.

Así mesmo, aprobouse o convenio de colaboración entre a Concellaría de Medio Ambiente e a entidade mercantil Gestión y Mecenazgo SL, para a instalación en parques de elementos cunha dobre función: informativa e de recolleita de residuos sólidos contaminantes. Por último, acordouse a adhesión do Concello á Asociación Terras de Compostela e nomeuse aos concelleiros Elvira Cienfuegos e Xosé Manuel Iglesias como representantes municipais.

Compartir: