XUNTA DE GOBERNO

O Concello pon en marcha o estudo sociolóxico que permitirá elaborar o Plan de Igualdade de Oportunidades

09/12/2008 A Xunta de Goberno Local deu luz verde hoxe a un paquete de medidas do ámbito do benestar social, entre os que salienta o inicio dun estudo sociolóxico, previo á elaboración do Plan de Igualdade de Oportunidades, ou a aprobación das listas de solicitantes de vivendas de promoción económica pública de Salgueiriños. Deu conta delas en rolda de prensa a concelleira da área, Mar Martín.

A edil de Benestar Social, Mar Martín, anunciou esta mañá a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da realización dun estudo que servirá de base para a elaboración do Plan de Igualdade de Oportunidades 2009/2011. O importe destinado a esta actuación é de 12.064 e adxudícase o contrato á Universidade de Santiago de Compostela.

Trátase da realización dun estudo exhaustivo das condicións sociais e estruturais en diversas áreas e aspectos (saúde, vellez, participación social, violencia…) das mulleres e dos homes de Santiago. Esta ánalise externa, á que lle seguirá outra interna das propias condicións no Concello, verase completada nunha segunda fase co contacto directo cos colectivos afectados. A terceira fase contempla a elaboración do plan. Como sinalou Mar Martín, quérese facer un "plan práctico, non teórico, por iso necesitamos coñecer a situación real das mulleres e os homes de Santiago". Esta primeira fase está previsto que remate en febreiro.

Non foi o único tema do ámbito do benestar social aprobado en Xunta de Goberno, tamén se lle dou o visto ás listas de solicitantes de vivendas de promoción económica pública de Salgueiriños. Unha vez aprobadas o seguinte paso será a súa publicación nalgún dos diarios locais e a apertura do prazo dun mes, contado a partir do seguinte día ao da publicación, para que os interesados poidan presentar reclamacións. Estas listas serán así mesmo remitidas á Delgación provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo para o seu coñecemento. A publicación das mesmas farase en xaneiro.

O número de vivendas a adxudicar é de 54, con superficies útiles comprendidas entre os 62,01 metros cadrados e 89,79 metros cadrados. Delas, 12 contan con 2 dormitorios, 27 con 3, 10 con 4 dormitorios e ademais outras 5 vivendas adaptadas para uso de minusválidos de 3 dormitorios cada unha.

Tamén a proposta da concelleira de Benestar Sociall se deu o visto bo á sinatura do anexo de protección de datos de carácter persoal para o ficheiro de inclusión social entre a Secretaría Xeral do Benestar e o Concello.

Nadal xogo e Pista de Xeo
Por outra banda, adxudicouse provisionalmente o servizo de desenvolvemento do programa NADALXOGO 2008 a María Carmen García Vicente por importe de 43.103,45 euros (máis o 16% de IVE). Así mesmo, autorízase á Asociación Xogos Tradicionais de Compostela a organización do I Torneo de Nadal de Chave na nave A do reciento Feiral de Amio o vindeiro 20 de decembro. Tamén se deu conta da concesión dunha axuda de 6.940,80 euros no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e Consumo e a FEMP para o proxecto "Stop obesidade infantil" que inclúe o programa "Comer cos 5 sentidos".

Outro dos atractivos do nadal compostelán é a Pista de Xeo, que estará instalada no recinto feiral de Amio do 19 de decembro ao 25 de xaneiro. A Xunta de Goberno adxudicou a súa instalación á empresa XADE por importe de 12.931 euros máis IVE. Tamén se adxudicou o arrendamento de carrozas para a cabalgata de Reis 2009 a Carrozas Esteban (24.267,24 euros) e a Construcciones Artísticas do Noroeste (16.000 euros).

Compartir: