ALCALDÍA

Compostela acollerá no Ano Santo un encontro de Santiagos de todo o mundo

05/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou hoxe, venres 5, xunto co alcalde de Santiago de los Caballeros, José Enrique Sued, a primeira xornada do I Encontro de Santiagos de América e Europa, preparatoria para unha gran reunión de cidades denominadas Santiago no último fin de semana de setembro de 2010.

Promovido desde as dúas alcaldías que representan os primeiros Santiagos de España e de América, este congreso internacional enmárcase no Programa de celebración dos cincocentos anos da entrega do escudo real a Santiago de los Caballeros e ten como propósito promover a irmandade e a identidade estratéxica de cidades denominadas Santiago dentro dos continentes de América e Europa, co obxectivo de artellar iniciativas que leven ao desenvolvemento de proxectos vinculados á cultura, á historia e á xestión do patrimonio destas cidades e municipios.

Na súa intervención Xosé A. Sánchez Bugallo animou aos participantes a reflexionar sobre aquelo "que temos en común", xa que é "algo máis" que "un nome, unha festividade, o 25 de xullo, ou unha crenza relixiosa maioritaria". Na súa opinión "somos cidades profundamente comprometidas coa nosa historia e cos nosos países". Falou tamén do nacemento de Santiago de Compostela, "unha cidade inventada", dixo, "que se ubicou nun lugar seguro para poder defenderse dos ataques vía marítima e lonxe da fronteira cos árabes e preservar a identidade e as crenzas dos seus moradores". Hoxe, lembrou, "non concibimos que o nome de Santiago implique ningunha confrontación", pois o que prevaleceu foi "a idea do Camiño como punto de encontro de persoas con culturas moi diversas". Puxo como exemplo desta irmandade "a aparición de conceptos como o Dereito de Xentes" que garantían "a protección da integridade persoal e dos bens persoais daqueles que quixesen cruzar Europa a través do Camiño". O alcalde sinalou tamén que "case todos os Santiagos teñen unha forte personalidade, e foron creados baixo a idea de permanencia no tempo", como amosa "o éxito deste encontro".

Pola súa banda, o mandatario de Santiago de los Caballeros, José Enrique Sued, amosouse moi satisfeito de poder celebrar esta reunión que conmemora a entrega do escudo de Santiago de los Caballeros en decembro de 1508 no Arquivo das Indias de Sevilla, aos trece anos da fundación do primeiro Santiago de América. Agradeceu ao alcalde compostelán a idea de xuntar a todos os Santiagos e poder intercambiar ideas que atinxen ás áreas económicas e sociais.

Á parte das cidades promotoras do encontro, Santiago de los Caballeros e Santiago de Compostela, á primeira xornada asistiron alcaldes Santiago de los Caballeros (Guatemala) e de León (Nicaragua), de Santiago del Estero (Arxentina), Santiago de Querétaro (México), Rio Grande do Sur (Brasil) e doutros municipios de Centroamérica.

Reunión co arcebispo no Centro Español
No I Encontro, que durará ata o domingo 7, terán lugar diversas conferencias e mesas redondas onde se tratarán temas relacionados cos plans estratéxicos das cidades, desenvolvemento urbano, revitalización do patrimonio e posíbeis alianzas estratéxicas culturais.

Doutra banda, o alcalde aproveitou a súa estadía en Santiago de los Caballeros para reunirse no Centro Español con Monseñor Ramón Benito, arcebispo metropolitano de Santiago de los Caballeros e presidente da Comisión municipal de celebración dos 500 anos do escudo de Santiago, así como coa directiva do Centro. Tras departir sobre a organización do vindeiro Ano Santo, o alcalde trasladoulle a Monseñor Ramón Benito o afecto do arcebispo compostelán, Julián Barrio, que mantén con el unha boa amizade, e que no último momento non puido viaxar a Santiago de los Caballeros como tiña previsto, xunto ao alcalde, por problemas de axenda.

Compartir: