VIVENDA

Fírmanse catro convenio co Ministerio de Vivenda para obras de urbanización e rehabilitación por preto de 5 millóns e medio de euros

04/12/2008 A concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, asinou esta tarde na Coruña coa ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, un convenio que se acordou na Comisión Bilateral do Plan Estatal de Vivenda e que servirá para financiar as obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño e o SUNP-14 de Traspaxonal. Tamén se firmaron os convenios de reaxuste das anualidades (2006-2010) das áreas de rehabilitación, asinados pola concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, que se corresponden coas cantidades de 1.640.900 euros para a Área de Rehabilitación da Cidade Histórica e 2.592.880 euros para a ARI de Vista Alegre.

En total, os catro convenios achegan a Santiago case cinco millóns e medio de euros (5.474.780) para obras de rehabilitación, urbanización e reurbaniación.

O Concello de Santiago, a través da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, EMUVISSA, solicitou para o SUNP-11 do Castiñeiriño, 446.400 euros, cantidade coa que se pretende acometer as obras de urbanización deste polígono cuxa superficie total é de 35.622,29 m2, dos que 8.660,76 se destinarán a novo viario público e 12.867,91m2 correspóndense coas zonas destinadas a dotacións, equipamentos e zonas verdes. Neste solo están proxectadas 196 vivendas, das que 158 son protexidas, o que supón o 80% do total das vivendas, tal e como marca a normativa municipal.

Con respecto ao SUNP-14 de Traspaxonal, a cantidade solicitada á administración estatal para as obras de urbanización son 934.300 euros. Este polígono ten unha superficie total de 71.680 m2, onde o novo viario público ocupará 20.842 m2 e as dotacións, equipamentos e zonas verdes 33.931 m2. Das 482 vivendas que se van construír en traspaxonal, 306 están baixo algún réxime de protección, de novo o 80% que marcan a normativa.

En ambos solos as obras de urbanización xa se están executando neste momento. Tanto o polígono do Castiñeiriño como o de Traspaxonal forman parte da gran expansión da cidade cara o sur e son produto da xestión do solo feita desde o Concello a través de Emuvissa, que está permitindo que o noso sexa un dos poucos concellos de España onde se mantén o ritmo construtivo a pesares da crise do sector.

No mesmo acto tamén se asinou o convenio polo que se unifican os acordos asinados para os obxectivos 2006, 2007, 2008, 2009 e 2010 de tal xeito que se unifica o prazo de execución das actuacións e reaxústase o financiamento acordado, co resultado de obter un financiamento total que supón a suma de todas as achegas acordadas. Esta unificación non implica ningunha alteración orzamentaria para ningunha das administracións asinantes.

Así o financiamento resultante desta unificación supón un investimento total de 1.640.900 € na Área de Rehabilitación da Cidade Histórica (ARCH) e de 2.592.880 € na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Vista Alegre. Un obxectivo fundamental para Concellaría da Cidade Histórica e Rehabilitación é favorecer o cumprimento e optimización de todos os acordos realizados para favorecer a recuperación urbana da cidade.

Compartir: