CULTURA

Máis de 35.000 espectadores acudiron ao Festival Cineuropa 2008

04/12/2008 Logo dun intensísimo mes de cinema en Compostela rematou o Festival Cineuropa 2008, organizado pola concellaría de Cultura que dirixe Socorro García. Esta XXII edición do certame saldouse cun importantísimo éxito de público ao ascender o número de espectadores á cifra de 36.944, nos máis de 250 filmes proxectados no Festival. O incremento constátase se comparamos as cifras con edicións anteriores, pois en 2006 acudiron a Cineuropa 24.795 espectadores, mentres que en 2007, a afluencia de público quedou en 29.984 persoas, un 21.5% menos que en 2008, onde asistiron 6.963 máis.

Ademais, como cada ano, temos xa a gañadora do premio do público en Cineuropa que, en 2008, foi para Cerezos en flor, de Doris Dorrie, longametraxe que, cun 8.3, desbancou do primeiro posta a A onda, de Dennis Gansel, que ficou nun 8.2. Curiosamente ambos filmes son de nacionalidade alemá, ao igual que A vida dous outros, gañadora de 2007, co que se ratifica o magnífico momento que vive o cinema alemán e a boa valoración que obtén no público de Cineuropa.

Cerezos en flor achega a posibilidade dos seres humanos para dar un xiro brusco a unha vida desilusionante, mesmo cando esta parece achegarse á súa fin. A viaxe ao Extremo Oriente do seu actor protagonista, Elmar Wepper, nomeado á mellor interpretación nos Premios do Cinema Europeo que se fallan esta semana, supón un dos xiros poéticos máis valorados pola crítica internacional logo do pase do filme no festival de Berlín.

No Panorama Internacional o filme máis valorado foi Capitán Abu Raed, título que fixo parte no Festival da sesión especial Palestina en loita. A peza, ópera prima do libanés Amin Matalqa, ten como personaxe principal un home de moitos anos, antigo bedel do aeroporto, que se converte por obra e graza dunha gorra de capitán no home ao que todos os rapaces do barrio queren escoitar.

Un cinema crítico coa sociedade contemporánea
Outro dos títulos que mellor acollida tiveron no Festival foi o tamén alemán A gran venda, de Florian Opitz, o máis votado na sección Documento: memoria e presente, que examina as consecuencias da privatización, comunmente implementada á forza por institucións como o Banco Mundial e mais o Fondo Monetario Internacional, na vida de individuos de carne e óso en distintas partes do mundo.

Fantastic Compostela tivo un dominador claro no filme Blindness, do brasileiro Fernando Meirelles, unha adaptación libre do Ensaio sobre a cegueira, de José Saramago. Pola súa banda na sección Mundo Asia, a peza máis valorada foi In Love We Trust, do chinés Wang Xiaoshuai, que narra con crueza a historia dunha parella divorciada que se decata de que a única forma de salvar a Hehe, a filla dos dous, que sofre unha enfermidade no sangue, é ter outro fillo. Por último en Doc: Music, varios filmes fixeron as delicias dos afeccionados ao cinema, máis tamén á música, destacando por riba das demais a elevada puntuación por Buzos haciendo surf. Un documental sobre Surfin' Bichos, do santiagués afincado en Madrid, Rogelio Abraldes.

Compartir: