CULTURA

Talía Teatro leva dúas obras ás táboas do Teatro Principal

04/12/2008 No pazo de Raxoi presentáronse as dúas pezas teatrais que a compañía Talía Teatro vai poñer en escena na vindeira semana no Teatro Principal. O luns 8 celebrarase a estrea absoluta da obra infantil e familiar 'Valentino Rufino e âkil pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can)', mentres que os días 9 e 10 representarán 'E ti quén vés sendo?'.

No acto de presentación estiveron presentes Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, en representación da concellaría de Cultura e Centros Socioculturais; Artur Trillo, director de Talía Teatro; Cándido Pazó, director de E ti quen vés sendo?; e os actores Diego Rey e Dani Trillo, que interveñen nas dúas pezas.

O luns 8 de decembro, ás 18:30 horas celebrarase a estrea oficial de Valentino Rufino e âkil pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can), escrita e dirixida por Roberto Salgueiro, dirixida a un público infantil e familiar, cun estilo próximo á comedia da arte italiana, na que dominan as máscaras e a estética do século XVIII.

A obra narra a historia do cabaleiro Valentino Rufini de regreso á súa casa en Milán é abandonado polo seu criado, que lle marcha cos cartos. Só, cargando co seu baúl de viaxe, e coa faldriqueira baleira, decide pasar a noite nunha casa en ruínas no camiño por onde pasa a carruaxe a Milán.

E ti quen vés sendo? Mais a compañía Talía Teatro, que cumpre en 2008 20 anos de actividade, vai continuar sobre as táboas do Teatro Principal os días 9 e 10 de decembro, coa representación, ás 21:00 horas, de E ti quen vés sendo?, escrita e dirixida por Candido Pazó.

O propio Cándido Pazó definiu a obra como unha "adaptación da coñecidísima 'O anfitrión', de Plauto, unha obra moi divertida que xoga coa confusión das identidades, na que se mesturan personaxes divinos e humanos". A representación conta co apoio da concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e da Rede Galega de Teatro e Auditorios do AGADIC.

Pasaron xa 20 anos desde que Talía Teatro iniciara a súa andaina no mundo do teatro. Neste tempo levaron a escena 25 montaxes, chegando nas súas últimas producións a espectáculos de gran formato, non no relativo á escenografía senón polo amplo elenco artístico, que ademais é persoal estábel da compañía.

Compartir: