OBRAS

Máis de 800.000 euros para mellorar e reforzar os viais do rural

04/12/2008 O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi as obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS-2009) que a Deputación da Coruña levará a cabo en colaboración co Concello de Santiago. Dentro deste plan destinaranse 661.000 euros á mellora da pavimentación e ao reforzo do firme en varias parroquias do rural compostelán. A esta cantidade engádenselle 210.000 euros investidos enteiramente pola entidade municipal.

Serán máis de 9.000 metros cadrados sobre os que actuarán Deputación e Concello ubicados en varias áreas: en Torreblanca, parroquia de Aríns; na parroquia de Santa Lucía, onde se incidirá en dous importantes viais en Bornais e no Eixo; en Pardaces de Arriba (A Peregrina); en Enfesta, no lugar de Formarís; e en Cesar.

A inversión por parroquias será a seguinte: 208.000 correponderanlle a Aríns, 210.000 é o orzamentado previsto para Santa Lucía; 111.000, para Enfesta; 53.000 destinaranse ao viario público de Cesar; e 66.000, para a Peregrina.

A estas obras, que segundo a previsión da Concellaría, estarán en marcha a principios de ano, hai que engadir os proxectos de titularidade municipal destinados tamén á mellora e mantemento das vías públicas do Concello. Así, nos próximos meses iniciarianse obras de pavimentación en Villestro, nas zonas de Piñeiro e Figueiras; en San Marcos, onde se arranxará a vía de servizo ubicada a carón da autovía; e en San Lázaro, onde se mellorará o firme do lugar da Granxa atendedo ás demandas dos veciños da zona. Na área urbana, acometeranse obras de renovación en Fontiñas, na zona próxima á rotonda que dá acceso ao barrio desde o periférico, onde o pavimento se encontraba en mal estado e foi solicitado o seu arreglo polos habitantes das vivendas próximas. A principios da semana que entra as máquinas comezarán a traballar en Figueiras, nos entornos do centro sociocultural e a Igrexa.

Unhas obras comezan e outras rematan; como sinalou o concelleiro, xa están a piques de finalizar os traballos en Piñor, tamén na rúa Pilar Miró, que se inaugurará en breve, e na Fonte do Ouro, na zona de Santa Isabel. Nesta actuación remantouse a primeira fase e xa se encargou o proxecto para iniciar a segunda.

Segundo salientou Bernardino Rama, o ano que vén suporá un invesimento en obras importante, o que servirá así mesmo, para crear emprego. Aos orzamentos municipais destinados para infraestruturas súmanse os que se destinarán para este fin incluídos no plan especial do Goberno central para os municipios.

Compartir: