FESTAS

O Nadal comeza o venres en Compostela co encendido das luces

04/12/2008 O alumeado de Nadal chegará as rúas de Santiago este venres, día 5 de decembro. Así o anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, que presentou a decoración que se poderá ver nas principais rúas da cidade. O acto de encendido terá lugar ás 20.00 horas na Praza do Toural.

Nun ano difícil para a economía en xeral e en particular para comerciantes, hosteleiros e demáis actividades económicas, a Concellaría de Festas fai un esforzo económico coma nunca co fin de ambientar as rúas e prazas da cidade nunhas datas tan significativas, colaborando así na promoción da cidade desde o punto de vista comercial, turístico e tamén para deleite dos cidadáns e cidadás, especialmente dos máis pequenos.

O alumeado deste ano conta cun orzamento total de 165.000 euros, dos que 58.000 se empregan na iluminación do casco histórico onde se distribúen 126 arcos luminosos en 25 rúas e 5 prazas (Cervantes, Fonseca, Toural, Praterías e Obradoiro):

A praza de Cervantes leva un paraugas con 2.700 puntos de luz tipo led; a praza de Fonseca está iluminada con 5.000 puntos de luz, na de Praterías salienta o ornamento da fachada do antigo Banco de España, con 9 copos de neve compostos por 50 bombillas flash producindo un efecto con destellos intermitentes, así coma iluminación directa na fonte.

A praza do Toural leva un teito de luces de led blanco con outros 5.000 puntos de luz. É de destacar o baixo consumo da iluminación deste ano; como exemplo, estes 5.000 puntos de luz consumen 245 watios.

A praza do Obradoiro está adornada co tradicional abeto, o Belén e a iluminación da fachada do Pazo de Raxoi que contén 3 quilómetros de fío luminoso. Cómpre salientar tamén a Alameda, o Paseo dos Leóns, a árbore de Porta Faxeira ou os catro letreiros de BO NADAL nas entradas da cidade.

O orzamento co que saíron a concurso as rúas do Ensanche é de 50.000 euros que abarca 12 rúas e 3 prazas (praza de Galicia, praza Roxa e praza de Vigo) destacando o tramo que vai da rúa Rosalía de Castro ata a Fonte de San Anonio con 42 arcos e máis de 1 quilómetro de rúa iluminada.

A política que se seguiu para iluminar estas rúas e non outras é que se trata das principais arterias da cidade asi coma as de entrada e saída, tal e como sinalou o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, que tamén indicou que, á marxe desta inversión, no resto das rúas da cidade nas que se cheguen a crear comisións de traballo formadas por hosteleiros, comerciantes e representantes doutras actividades económicas, o Concello aportará o 30% da inversión total. Xa están formadas estas comisións nas rúas Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas, Rúa Nova de Abaixo e, no casco histórico, Porta da Pena e Rúa da Troia.

O encendido terá lugar mañá, venres día 5 ás 20.00 h. comezando polo teito de luces da praza do Toural e o abeto xigante de Porta Faxeira, Alameda e rúa de Xoán Carlos I.

O horario diario de iluminación será desde as 18.00 h. ata as 2.00 da madrugada agás os días 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro que será ata o mencer.

Ademais do alumeado o Concello está ultimando un amplo e variado programa de actividades que dará comezo na segunda quincena do presente mes e rematará coa Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro.

Compartir: