ALCALDÍA

Santiago de Compostela colaborará no proxecto de mellora dun dos barrios máis marxinais de Santiago de los Caballeros

04/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que se encontra na cidade dominicana de Santiago de los Caballeros para asistir aos actos de celebración do Primeiro Encontro de Santiagos de América e Europa, acudiu na mañá do mércores 3 ao Concello de Santiago de los Caballeros, onde foi recibido polo síndico, José Enrique Sued, a quen fixo entrega dun gravado de Xurxo Martiño como agasallo institucional.

Sánchez Bugallo tamén se reuniu coa galega Lucía López, coordinadora do Programa Integral de apoio ao Concello de Santiago de los Caballeros para a mellora do barrio de Santa Lucía, e que está financiado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. No encontro estiveron tamén presentes o compostelán Rubén Asorey, traballador social colaborador da cooperación galega, e representantes da Asemblea de Cooperación pola Paz, Junta de Asociaciones Campesinas, Fundación Loma y Salud, Cámara de Comercio de Santiago e Fundación Solidaridad, entre outros axentes que participan neste programa.

O proxecto, que previsiblemente durará ata o ano 2010, pretende mellorar o nivel de vida da poboación deste barrio, co fin de aumentar o nivel de escolarización, garantir a saúde preventiva e a atención primaria, contribuír ao desenvolvemento produtivo e impulsar o saneamento e a habitabilidade, sempre desde unha óptica "non asistencialista, senón que impulse a autoorganización", como explicou Lucía López.

En Santa Lucía viven unhas 2.500 persoas, a maioría das cales traballan nun gran vertedoiro situado a menos distancia da que permite a lexislación medioambiental nacional, e que foi precisamente o elemento xerador deste barrio, no que arredor dun 90% son dominicanos chegados de zonas rurais do país.

O alcalde visitou o barrio acompañado dos técnicos que traballan neste proxecto, onde departiu con algúns dos veciños máis implicados no proxecto que, entre outras metas, pretende acabar coa explotación infantil, pois moitos dos chamados "buzos" que rastrexan o lixo son meniños. Santiago de Compostela, como cidade irmandada con Santiago de los Caballeros, pretende colaborar na medida do posíbel neste importante proxecto de cooperación.

Compartir: