CONSORCIO

O Consorcio recupera a obra e a memoria do pintor Fenollera

03/12/2008 A vida e obra de José Mª Fenollera foi recuperada polo seu neto Alfonso Fernández-Cid nun libro editado polo Consorcio de Santiago dentro da Biblioteca de Divulgación Xacobea, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Trátase da recuperación vital e artística dun dos pintores máis representativos da sociedade Compostelá de finais do século XIX. O acto de presentación estivo presidido pola alcaldesa en funcións, Mar Martín.

Polas páxinas deste libro, titulado con acerto "Fenollera, pintor galego por amor", posto que naceu en Valencia en 1851, transcurre un artista moderno e comprometido co seu tempo. Neste sentido, en opinión do autor, a obra estrutúrase en tres partes.

A primeira delas está dedicada a comentar os aspectos académicos do pintor, con claras referencias a súa formación en Valencia, Roma, París, Madrid e finalmente Santiago de Compostela. Tamén aquí pode atopar o lector aspectos relacionados co seu casamento pero, sobre todo, datos de interés sobre os retratos familiares de Fenollera, así como dos retratos dos grandes persoeiros da sociedade Compostelá, ademais de dar conta da súa actividade como profesor e mestre de pintores Galegos.

A segunda parte do libro abrangue o exercicio libre da súa profesión, analizando detalladamente a súa producción pictórica. Finalmente, na terceira e última parte, inclúense documentos, artigos e unha bibliografía sobre o pintor.

En definitiva, se Fenollera foi "un pintor galego por amor", como ben reza o titulo deste libro. O Concello, a Deputación e o Consorcio comprenderon perfectamente que este merecido homenaxe non é senón a expresión de que "amor con amor se paga".

Compartir: