XUNTA DE GOBERNO

O Consorcio encargarase da reurbanización da rúa do Home Santo

02/12/2008 A proposta da Alcaldía do Concello, a Xunta de Goberno aprobou hoxe encomendar ao Consorcio a xestión da primeira fase da reurbanización da rúa do Home Santo, ubicada no entorno do barrio de San Pedro. Será tamén a entidade interadministrativa quen redacte a segunda fase desta obra, que actuaría sobre a praza do Home Santo, incluído o soterramento dos centros de transformación e a escalinata de acceso á praza da estación e zona verde adxacente.

Non foi o único punto desta sesión da Xunta de Goberno Local relativo ao Consorcio, xa que se aprobaron as bases reguladoras do procedemento de selección de edificios para a súa inclusión no Programa de Edificios Tutelados e a convocatoria, fixando un prazo de dous meses contados dende a publicación no BOP das citadas bases para a presentación de solicitudes. O crédito achegado polo Consorcio para esta convocatoria é de 500.000 euros.

No capítulo de obras, o goberno local aprobou o proxecto redactado polos arquitectos municipais e a adxudicación dos traballos de reparación da pavimentación na explanada de Salgueiriños. O custo desta actuación será de 49.891,35 (máis 16% de IVE) e terá un prazo de execución dun mes.

As obras de rehabilitación da rede de saneamento da rúa Ricardo Carvalho Calero experimentaron un avance coa súa adxudicación definitiva á empresa AQUAGEST, SA, por importe de 160.825,90 euros (máis 16% IVE).

Compartir: