FACENDA

O Concello fai fronte á crise cun investimento de case 50 millóns de euros

02/12/2008 Os orzamentos de 2009 aumentan o gasto en benestar social, emprego e educación e incorporan 16 millóns de euros para novos proxectos

O concelleiro de Facenda, Andrés Fariña presentou esta mañá en Raxoi os orzamentos para o ano que vén. A cifra final de gasto prevista para o exercicio de 2009 sitúase en 124.740.104,17 euros, o que supón un aumento con respecto ao 2008 de máis de 10 millóns de euros, é dicir un 8%, con carácter xeral. O importe total de investimentos previstos para o exercicio de 2009 ascende a 34.470.586,13 euros, un incremento importante con respecto ao ano pasado (25.059.200,99).

Como xa se avanzara a semana pasada, os orzamentos prevén a conxelación do gasto corrente non obrigatorio, coa excepción dos gastos destinados a servizos sociais (230.000 euros), políticas de emprego (preto de 500.000 euros incluíndo as subvencións previstas) e mantemento de centros educativos (282.000 euros), con incrementos que no caso de servizos sociais acadan o 60%.

Estes orzamentos prevén un aforro importante no capítulo de xuros debido á baixada dos intereses. Tamén se incorporan a estes orzamentos 6 millóns de euros procedentes de remanentes dos orzamentos deste ano 2008, que serán investidos ao longo do que vén. Doutra banda, prevese unha operación de crédito por importe de 7.190.000 euros, equivalente á cantidade que se amortizará nesta anualidade. Tamén se prevé un ingreso de 7.027.331 euros en concepto de aproveitamento urbanístico.

O Concello vai contar no 2009 cun suplemento de crédito por transferencia do goberno central de aproximadamente 16 millóns de euros, que serán investidos en proxectos novos con garantía de creación de emprego por parte das empresas adxudicatarias deses proxectos. Ademais confirmouse esta mañá o compromiso por parte do goberno central de incrementar o índice de endebedamento dos concellos. Isto significa que Santiago poderá dispor o ano que vén dun crédito suplementario de catro millóns de euros destinados tamén a investimentos que o goberno municipal ten previsto repartir en partidas de dous millóns para obras viarias, un millón para saneamento e o millón restante para equipamentos e rehabilitación de espazos públicos. En total, segundo o concelleiro de Facenda "os orzamentos do 2009 van facer fronte á crise económica, cun investimento de case 50 millóns de euros en diferentes actuacións que se van executar ao longo de 2009". Os orzamentos serán presentados para a súa aprobación nun pleno extraordinario que se celebrará o 23 de decembro.

Compartir: