TRASLACIÓN

A presidenta do Parlamento será a delegada rexia na Ofrenda da Traslación 2008

01/12/2008 Segundo lle comunicou a Casa Real ao alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, a presidente da Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, será a delegada rexia no acto da Ofrenda de Traslación dos restos do Apóstolo, que terá lugar o martes 30 de decembro.

S.M Don Juan Carlos de Borbón designou á presidenta do Parlamento de Galicia para actuar como delegada rexia na Misa Solemne da Ofrenda Nacional de Traslación dos Restos do Apóstolo Santiago, que terá lugar na Catedral de Santiago. A cerimonia da Traslación celébrase o 30 de decembro de cada ano en recordo do lexendario traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón).

O ano pasado foi o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen actuou como delegado rexio, mentres que en 2006, esta función lle correspondeu ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. En 2005, o rei nomeou delegado neste acto ao xefe da súa Casa, Alberto Aza.

Compartir: