URBANISMO

Santiago participa como poñente no Forum das Cidades que se celebra Montpellier

01/12/2008 O debate coincide coa reunión anual do URBACT, onde Compostela presentará os resultados do programa SUITE obtidos ata o de agora.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, foi convidada pola ministra francesa de Vivenda, Christine Boutin, a participar nunha mesa redonda que se celebrará mañá martes 2 de decembro, dentro do Forum das Cidades que se está desenvolvendo en Montpellier. O debate, organizado polo Ministerio da Vivenda francés dentro do marco da presidencia semestral de Francia na UE, terá lugar trala sesión inaugural do foro, que estará presidida pola Ministra da Vivienda francesa, Christine Boutin e a comisaria europea de política rexional, Danuta Hübner.

Na mesa redonda participarán tamén François de Mazières, Alcalde de Versailles e Presidente de la Cité del'Architecture et du Patrimoine de Paris, que será o presidente da mesa redonda; Flo Clucas, conselleira de Liverpool e membro do Comité das Rexións da UE; Philippe Jalinot, director do Proxecto europeo EUROMEDITERRANEE en Marseille; e Yvette Masson-Zanussi, Inspectora, Foro europeo de las políticas arquitectónicas.

Baixo o título ‘A cidade multifuncional, ¿cómo animala?’, a concelleira presentará a experiencia de Santiago, onde máis alá de conservar o casco vello e ampliar a cidade con novas edificacións, o planeamento urbano serviu para desenvolver todo un proxecto de cidade onde a cultura, a educación, a economía e o benestar social, entre outros moitos factores, se converteron nos motores que manteñen viva a cidade.

O Forum das Cidades de Montpellier supón un debate sobre o desenvolvemento urbano sostible entre representantes das máis altas institucións europeas e asociacións locais: o Parlamento Europeo, o Comité das Rexións, o Comité Económico e Soclal, Eurocities, o Consello de Europa de Municipalidades e Rexións e a asociación de alcaldes francesas, ademais das principais cidades europeas e expertos dos cinco continentes.

Proxecto Urbact
Simultaneamente estase desenvolvendo tamén en Montpellier a Conferencia anual do Proxecto Urbact, no que tamén participan técnicos de Santiago. Durante a xornada de hoxe o grupo compostelán está realizando una presentación dos resultados obtidos ata o de agora na primeira fase do Programa SUITE, que coordina Santiago, entre eles: a finalización do partenariado, a realización dun estudio da situación da vivenda social a nivel europeo e nas 10 cidades socias do proxecto: Santiago como Xefe de Fila; en UK Newcastle e Medway; en Alemania, Hamburgo; Iasi en Rumania, Cracovia e Siemianowice Slaskie en Polonia; as francesas Nantes e Rennes e a capital de Estonia, Tallinn.

Durante a xornada de mañá martes, presentaranse os retos para a segunda fase: os principais obxectivos da rede SUITE son cooperar entre os socios para optimizar a produción sostible e asequible da oferta de vivenda e asegurar a cohesión social a través da mestura social e da vivenda adecuada. Estes temas supoñen un reto social maior, a desigualdade no acceso á vivenda. A este obxectivo enfróntanse as autoridades públicas como parte dun problema máis amplo de exclusión social e urbana. Polo que se buscan políticas innovadoras de vivenda que garantan vivendas asequible con altos estándares de calidade e ambientalmente sostibles, para promover a inclusión social da poboación e a integración urbana dos barrios nas cidades.

A rede que preside Santiago foi moi ben valorada na súa primeira fase polo Comité de Pilotaxe do programa europeo URBACT onde destacaron especialmente a temática abordada, moi de actualidade. De feito este proxecto coincide coas conclusións derivadas do encontro de Ministros de Vivenda, que tivo lugar a semana pasada en Marsella e onde CECODHAS, que colaborará no SUITE, enviou unha mensaxe aos líderes europeos solicitando inversión pública en vivenda social como un elemento clave para ofrecer unha resposta á actual crise económica e financeira. Na valoración do proxecto tamén se destacou a calidade do partenariado, cunha boa cobertura xeográfica e que combina tanto diferentes contornos socio-económicos como climáticos.

Compartir: