DEPORTES

O Concello de Santiago, os da comarca e a Fundación Compostela Deporte colaborarán na promoción de actividades deportivas

01/12/2008 A Fundación Compostela Deporte e os concellos de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un protocolo marco para a promoción conxunta de actividades deportivas. Na firma estiveron o alcalde de Santiago e presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro de Deportes de Santiago e vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, así como os alcaldes e concelleiros de Deportes de Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra.

O obxecto deste convenio consiste en sentar as bases de colaboración entre as partes para posibilitar as actuacións tendentes a facilitar a práctica do deporte e todas aquelas accións complementarias da mesma. Como salientou o alcalde compostelán e presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo, trátase de estabelecer un marco para facer estensivas á comarca as actividades deportivas que se realizan en Santiago e colaborar mais estreitamente na promoción do deporte. Así, o propósito é realizar actividades e proxectos en forma conxunta, en todo tipo de asuntos que resulten de interese. Entre as iniciativas que recolle o convenio están:

1. A organización e realización de todo tipo de actividades e eventos deportivos.
2. intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos deportivos de interese común.
3. A cesión de instalacións deportivas.
4. A organización e realización de todo tipo de actividades formativas.
5. Intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais que resulten de interese.

O Convenio entre a Fundación e os Concellos anteditos ten carácter aberto, polo que as entidades asinantes poderían propoñer outro tipo de actuacións. "Cantas outras sexan consideradas de interese mutuo, dentro das dispoñibilidades das partes", reflicte o escrito.

Actualmente, en tres programas da Fundación Compostela Deporte xa participan os concellos da comarca. Son Xogo Solidario, Premios Deporte e Vida e a Compostela Cup do Camiño. A raíz deste convenio seguirá mantendose a colaboración e ampliariase a outras actividades.

Así mesmo, como salientou o vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariñas, a colaboración non só se plasmará na realización de actividades senón na posta en valor das instalacións deportivas de toda a comarca.

O espíritu que move á Fundación e aos concellos de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra para a sinatura do Convenio é: "Que as institucións mencionadas consideran de interese común promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento de accións de fomento e promoción da práctica deportiva, así como a realización de accións formativas e de xeración de recursos dirixidos para os distintos axentes participantes no mundo deportivo".

Ademais, a sinatura do Convenio permite á Fundación cumprir cun das súas finalidades primordiais, recollida nos seus Estatutos: "O fomento e promoción do deporte a través do apoio, difusión e axuda ás entidades deportivas da cidade e a consolidación ou atracción de eventos deportivos que poidan celebrarse en Santiago, como medio de promoción e difusión da cultura deportiva, posibilitando un maior achegamento á sociedade en xeral".

A celebración deste protocolo marco de colaboración non supón ningún gasto para ningunha das partes asinantes. Así mesmo, cada unhas das actuacións concretas de colaboración entre as partes requerirá a elaboración dun convenio específico.

En virtude deste protocolo tamén se constitúe unha mesa Comisión Mixta, con representantes designados polos órganos reitores das partes en réxime de paridade. Dita Comisión será o órgano de planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas deste Protocolo Marco de Colaboración e entenderá e resolverá todas as cuestións relacionadas con el e cos convenios específicos. A Comisión Mixta reunirase sempre que o solicite unha das partes e, polo menos unha vez ao ano, elevará informes e propostas aos órganos reitores de ámbalas partes.

Compartir: