CULTURA

Presentación de 'Buzos haciendo surf, un documental sobre Surfin' Bichos' en Cineuropa 2008

01/12/2008 Esta mañá, no Teatro Principal, presentouse o filme do compostelán Rogelio Abraldes 'Buzos haciendo surf. Un documental sobre Surfin' Bichos', que se vai proxectar en Cineuropa 2008 nas tres xornadas que restan de Festival. No acto inteviron, amais do propio autor, Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, en representación da Concellaría de Cultura; e José Luis Losa, director de Cineuropa.

O Festival Cineuropa leva varias edicións ofrecendo un espazo do seu programa ao documental musical. Na xornada de hoxe presentouse a longametraxe Buzos haciendo surf. Un documental sobre Surfin' Bichos, dirixida polo cineasta compostelán afincado en Madrid, Rogelio Abraldes, dedicada ao mítico grupo albaceteño de rock&roll.

Abraldes manifestou na rolda de prensa a súa satisfacción por presentar o documental na súa cidade de nacemento e gabou a calidade do certame ao que "chegan filmes que en Madrid son imposíbeis de ver". Segundo afirmou o cineasta compostelán a finalidade do filme é "testemuñar o regreso aos escenarios de Surfin' Bichos, nunha xira de reencontro logo de 12 anos separados".

Mais, aparte desta vontade documental, Abraldes procurou certo distanciamento para verter na peza ideas como a xustiza poética. Os personaxes de Surfin' Bichos viviron fóra do seu tempo e non acadaron nos anos 80 o seu merecido ´-éxito. Xa en 2006, na xira de reencontro, a banda foi aclamada polos miles de seguidores que foi acumulando co paso do tempo.

Un filme feito dende o cariño e a admiración Buzos haciendo surf. Un documental sobre Surfin' Bichos foi definida polo seu autor como unha produción modesta en medios mais ambiciosa no plano artístico, feita dende o cariño e a admiración confesa do propio Abraldes cara ao grupo albaceteño

O documental vaise pasar en Cineuropa 2008 na xornada de hoxe, 1 de decembro, ás 19:45 horas no Teatro Principal; o martes 2 ás 20:15 horas na Aula Sociocultural de Caixa Galicia; e o mércores 3 de decembro, ás 22:00 horas, na propia Aula de Carreira do Conde.

Compartir: