PLENO

O alcalde defende unha xestión xeradora dunha cidade social, dinámica e preparada para o futuro

29/11/2008 Por primeira vez, celebrouse en Raxoi o Debate sobre o Estado do Concello, na que o alcalde falou sobre situación do Concello e as liñas mestras da súa acción de Goberno. Na súa intervención, Sánchez Bugallo, defendeu un modelo de xestión grazas ao cal, na súa opinión, ten deixado unha cidade que "vive hoxe un momento de esplendor e que ten en execución importantes proxectos que nos axudarán a paliar as consecuencias da tormenta económica".

O alcalde amosouse satisfeito por "ter consolidado o noso modelo de cidade dun xeito global". Nese sentido, comezou facendo alusión á saída ao mercado "de mais de 13.000 novas vivendas, das que case 4.000 son protexidas. Hai máis de 2.000 protexidas en marcha e outras 4.000 previstas nos novos ensanches". Tamén se referiu á creación de solo industrial. "Acadaremos máis de 4.000 millóns de metros cadrados de usos empresariais neste mandato, consolidando a Santiago como a terceira área industrial de Galicia".

Outro dos temas destacado por Sánchez Bugallo o do Plan Especial do Casco Histórico e apuntou a cifra de máis do 60% das vivendas da zona monumental rehabilitadas, ou a construción de novos complexos como o Centro de Saúde de Galeras ou o edifico da Concellaría de Benestar Social e Muller.

Políticas sociais
Precisamente o ámbito social foi unha vez máis resaltado como prioritario nas políticas municipais. "Seguiremos sendo solidarios coas políticas sociais", subliñou Sánchez Bugallo, quen engadiu que "este propósito quedará reflectido nos orzamentos do vindeiro ano, no que as políticas sociais e de promoción do emprego terán un trato preferente respecto doutras prioridades". Neste último tema, o do emprego, destacou os programas desenvolvidos de apoio ás empresas, aos emprendedores e ao comercio.

A transparencia é outro valor resaltado polo alcalde na xestión municipal. Neste sentido, puxo como exemplo a creación do rexistro de intereses, a Comisión Especial de Queixas e Suxestións ou os distintos consellos municipais. Ao igual que a transparencia, destacou "a capacidade de diálogo e de acadar consensos con outras instancias administrativas e políticas".

Vivenda protexida
As boas prácticas arquitectónicas, o recoñecemento internacional, a participación en programas e proxectos foron tamén aspectos abordados por Sánchez Bugallo antes de referise de novo á vivenda protexida. "Hoxe o 80% da vivenda que se constrúe en Santiago faise en polígonos promocionados e xestionados polo propio Concello". Ademais achegou o seguinte dato: "En medio da crise, a compravenda de vivendas subiu un 12% e os expertos ven no mercado inmobiliario de Compostela unha situación distinta e mellor que no resto de Galicia e de España". Así, engadiu, "somos unha cidade ben preparada para resistir a crise económica".

Despois de facer un repaso ás infraestruturas construídas e ás que están en marcha, o rexedor municipal non esqueceu o papel de Santiago como cidade verde, enriquecedora do seu patrimonio e destino turístico. Finalmente, falou de futuro, apuntando que "a nosa estratexia de futuro pasa por dous documentos: o PXOM e o Plan Estratéxico". Con esa referencia, pero botando a vista atrás, afirmou que "hoxe temos a certeza de ter consolidado un longo traballo de xestión que sacou a Compostela do soño do pasado para colocala en postos de privilexio do presente e nunha situación inmellorable para enfrontar o futuro".

Quendas de intervención
Despois desta intervención do alcalde someteuse a mesma a debate, coa intervención, de menor a maior representación, dos tres grupos do Pleno. Falaron, respectivamente, Elvira Cienfuegos, polo BNG; Marta Álvarez-Santullano, polo PSOE; e Gerardo Conde Roa, polo PP. Estes mesmos voceiros municipais fixeron uso dunha segunda quenda, para finalmente pechar o alcalde o Debate coa súa réplica.

Cómpre lembrar que este Debate, que puido ser seguido en directo a través desta web, é unha das principais novidades do Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello aprobado en Pleno o 27 de decembro de 2007. En cada mandato corporativo terán lugar tres sesións extraordinarias dedicadas a este debate do estado do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: