CULTURA

Chega a Cineuropa 2008 a sesión especial "Palestina en loita"

28/11/2008 O Festival Cineuropa introdúcese de cheo nun dos conflitos máis candentes do panorama internacional contemporáneo: o enfrontamento entre Israel e Palestina. O domingo 30 de novembro a partir da medianoite proxectaranse dúas obras que, dende formatos e linguaxes moi diferentes, analizan a situación de Oriente Próximo nas últimas décadas.

O primeiro dos filmes proxectados vai ser Valse con Bashir, unha longametraxe de animación asinada por Ari Folman, que conta, a partir de testemuños reais, os remorsos de varios soldados israelís que adoptaron un papel pasivo na matanza perpetrada nos campos de refuxiados de Sabra e Chatila, en 1982, onde máis dun milleiro de civís palestinos, na súa maioría mulleres e nenos, morreron a mans de falanxistas libaneses. Esta masacre mereceu o cualificativo de acto de xenocidio por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

Ao remate pasarase Capitán Abu Raed, ópera prima do cineasta libanés Amin Matalqa, na que os relatos a uns meniños dun home xa vello, antigo bedel de aeroporto, nos introduce dun xeito moi particular na difícil situación histórica que vive esta rexión do planeta.

Mais ao longo da fin de semana chegarán aos diferentes escenarios de Cineuropa varias producións senlleiras da tempada cinematográfica. O cineasta turco Nuri Bilge Ceylan, autor da inesquecíbel Uzak, agasállanos con Three Monkeys, unha nova xoia cinematográfica protagonizada por unha familia desfeita a forza de pequenos segredos transformados en grandes mentiras, que tenta desesperadamente manterse a flote negándose a se enfrontar coa realidade. Para iso deciden non ver, nin oír, nin falar, coma na fábula dos Tres monos.

O debut na dirección dunha grande actriz
Na xornada do sábado 29 de novembro, ás 22:00 horas no Teatro Principal, poderemos gozar do debut na dirección da actriz Jodie Markell que, tras varios anos de exitosa carreira interpretativa, decidiu achegarse á realización cunha adaptación de Tennessee Williams. The Loss of a Teardrop Diamond está ambientada no sur dos Estados Unidos nos anos vinte. Unha fermosa herdeira sureña namórase dun xentil mozo que traballa na plantación da súa familia. O amor entre os dous é problemático e teñen numerosos impedimentos para estar xuntos por mor do clasismo social imperante.

Por outra banda, o propio sábado 29 ás 22:00 horas, proxectarase no Centro Galego de Arte Contemporánea unha das grandes xoias da sétima arte: O fotógrafo do panico, de Michael Powell. Este filme mítico do cinema de terror ten como personaxe principal a Mark Lewis, un cineasta compulsivo que leva con el unha cámara de cinema agochada baixo o abrigo e aborda unha prostituta do barrio chinés londinense.

Compartir: