TURISMO

Constitúese o Consello Sectorial de Turismo

28/11/2008 O luns 1 de decembro constituirase oficialmente o Consello Sectorial de Turismo do Concello de Santiago, despois de que o seu regulamento se aprobase polo totalidade do pleno do Concello o 26 de xuño e se seguisen todos os trámites administrativos correspondentes. A Concellaría de Promoción Económica e Turismo pulou pola comisión deste Consello, concibido coma un foro no que todos os axentes vinculados co sector podan dialogar, colaborar e asesorar na política turística municipal.

O regulamento establece dez funcións para o Consello Sectorial do Turismo:

1) Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no desenvolvemento da política turística do Concello de Santiago.

2) Propor aos órganos municipais competentes criterios de actuación na liña do desenvolvemento do turismo e participar no seguimento da xestión municipal.

3) Informar e ser informado sobre temas específicos do sector e propoñer alternativas concretas aos problemas existentes na área de turismo para que sexan tratados polos órganos municipais competentes.

4) Ser informado dos ditames aprobados polas respectivas comisións informativas, e das resolucións e acordos do Alcalde, Pleno e Xunta de Goberno Local, respecto daqueles temas relacionados co seu obxecto específico.

5) Emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias da súa competencia.

6) Emitir e formular propostas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos e organismos públicos municipais correspondentes.

7) Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ao Concello, para ser discutidas comisións informativas municipais correspondentes.

8) Constituírse en órgano de consulta nos procesos de elaboración das disposicións normativas de ámbito municipal neste eido e, en xeral, nos asuntos de transcendencia para o turismo do Concello.

9) Presentar anualmente unha memoria informe da súa actuación.

10) Establecer canles de relación con outras administracións e organizacións relacionadas co turismo.

O Consello Sectorial de Turismo está composto polos diferentes axentes vinculados co sector turísticos de Santiago. En concreto, terán presenza nel representantes dos grupos municipais nomeados polo Pleno da Corporación, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela, Turismo de Santiago – Incolsa, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Municipal da Cultura do Concello de Santiago, os Guías Turísticos de Santiago de Compostela, e tres expertos en turismo, designados polo Pleno do Consello Municipal de Turismo.

Compartir: