CULTURA

Alfonso Zarauza gaña o premio ao mellor director no Festival de Viña del Mar co filme que abriu Cineuropa 2008

27/11/2008 A noite que deixou de chover, ópera prima de Alfonso Zarauza que foi estreada na xornada inaugural do Festival Cineuropa, comeza a recibir o recoñecemento dos festivais internacionais. Logo da calurosa acollida que obtivo a longametraxe no Festival Internacional de Cine de Sao Paulo e da extraordinaria recepción do Festival de Valladolid, a obra de Zarauza vén de gañar o premio Paoa no Festival de Viña del Mar, en Chile, ao mellor director.

A primeira longametraxe do cineasta compostelán Alfonso Zarauza é unha produción de Iroko Films e Perro Verde Films que contou co apoio da Televisión de Galicia e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, ademais da colaboración de Santiago de Compostela Film Commission. O filme, rodado integramente en Compostela, ten como protagonista a Spleen, interpretado por Luis Tosar, un home peculiar que pasa as noites filosofando ata o amencer na compaña dos seus amigos de A taberna dos dramáticos, santuario bohemio ao que non falta nin unha noite dende hai anos.

Mais a actividade non cesa en Cineuropa, cando xa nos achegamos á recta final do Festival. O venres 28 chega a Compostela La ventana, quinta longametraxe do cineasta arxentino Carlos Sorín que, en pouco máis dunha hora, achégase dun xeito tenro e conmovedor, aos derradeiros días da vida dun home de avanzada idade. Sorín consegue adentrarse con sabia sutileza e sen estridencias nun tema habitualmente tabú no cinema máis convencional.

Asemade, comezan a chegar ao Festival diversas obras que analizan, dende distintos rexistros e linguaxes, a situación de Oriente Próximo e, moi especialmente, o conflito palestino-israelí. Este é o caso de Capitán Abu Raed, ópera prima do xordano Amin Matalqa, protagonizada por un home de moitos anos, antigo bedel do aeroporto, que se converte por obra e graza dunha gorra de capitán no home ao que todos os rapaces do barrio queren escoitar. As historias de Abu Raed introducirannos dun xeito moi particular na difícil situación histórica que vive esta rexión do planeta.

Filmes da lusofonía
Cineuropa 2008 non se esquece das cinematografías lusófonas, emparelladas co noso país polo seu universo lingüístico. O venres 28, ás 18:00 horas, na Aula Sociocultural de Caixa Galicia, pasase O ano en que meus pais foron de vacacións, de Cao Hamburguer, situado en 1970. As preocupacións de Mauro, de 12 anos, non teñen nada que ver co réxime militar que controla Brasil. O soño máis grande que ten é ver como a selección de fútbol gaña o terceiro mundial. Mais, de súpeto, Mauro é separado dos seus pais e levado a vivir á comunidade de Bom Retiro, un distrito en São Paulo onde residen, sobre todo, xudeus e italianos.

Compartir: