COMERCIO

Un surtido de bolas de chocolate leva o primeiro premio do Concurso "Regalar custa pouco"

27/11/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os produtos gañadores do I Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco. O premio especial do xurado, de 750 euros, foi para o Surtido de bolas de chocolate Oceans, cun prezo de venda de 30 euros, pertencente ao estabelecemento Xocoátel. O segundo premio acadouno Xogo de tres botóns de madeira de buxo, cun prezo de venda de 4,20 euros, presentado polo estabelecemento Noroeste, xoias de autor.

Este programa ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal. As mellores propostas presentadas polos comerciantes serán recollidas nun catálogo, xunto á identificación do comercio, que se distribuirá entre a cidadanía de Compostela en comercios, restaurantes, oficinas do Concello, etc. Está previsto que este catálogo xa estea dispoñible na segunda semana de decembro.

Na decisión do xurado tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Ao concurso Regalar custa pouco presentáronse, dende o 11 ao 24 de novembro, 51 produtos, pertencentes a catorce estabelecementos comerciais. Para o catálogo seleccionáronse 44 produtos. Ao lado de cada un dos produtos irá a identificación do comercio, co seu enderezo. Trátase dunha publicación que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de Nadal e con prezos asequibles e pechados. Esta previsto que este catálogo teña unha tirada inicial de 5.000 exemplares.

No concurso Regalar custa pouco establecéronse seis rangos de produtos, dependendo do prezo: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos presentados debían figurar na oferta habitual do estabelecemento durante os días que dure a campaña de exposición e venda no mesmo comercio, dende o 1 de decembro do 2008 ao 5 de xaneiro de 2009. Na categoría de ata 5 euros presentáronse catro produtos; ata 10 euros dez produtos, ata 20 euros oito produtos, ata 30 euros once produtos, ata 50 euros sete e ata 100 euros once produtos.

Ademáis, entre os estabelecementos participantes sorteáronse dez chegues de consultoría. Cinco deles eran para servizos de decoración e interiorismo, dos que se beneficiarán Tea Shop, Saúde e beleza, Xoiaría Xanana, Enjabonarte e Parafarmacia Farmarro. Os outros cinco cheques, de servizos de deseño gráfico/imaxe corporativa, foron para Relojería José Antonio, Eloy Gesto, Lejano Sur, Moradi S.L., e Altaira arte e ensino. Tamén se sortearon sete paquetes de 15 cuñas de radio en diferentes emisoras locais entre os participantes. Os seleccionados foron Xoiaría Xanana, Relojería José Antonio, Parafarmacia Farmarro, Tea shop, Moradi S.L., Noroeste, xoias de autor e Xocoátel.

Compartir: