EDUCACIÓN

"Facendo familias" fomentará a participación dos nenos na vida en familia

29/09/2005 Elvira Cienfuegos presentou un novo programa que trata de "implicar aos nenos na construción dun ambiente familiar" promovido por "Meniños, Fundación para a Infancia".

A campaña "Facendo Familias" parte do suposto de que os nenos non son meros receptores pasivos dos seus dereitos, senón que a súa formación fai precisa a consideración dos seus deberes cara a eles mesmos, á súa familia e á sociedade, participando activamente na construción de ambientes máis positivos.

"Facendo Familias" pretende achegar estratexias que fomenten a mellora da vivencia familiar, facendo posible a participación activa dos nenos. Tamén impulsa o achegamento ao coñecemento das diferentes realidades dos dereitos dos nenos no mundo, especialmente nos países empobrecidos.

Material do programa
O programa componse de material didáctico e a posterior exposición dos traballos elaborados no desenvolvemento do traballo educativo: "O Xardín". Os resultados amosaranse arredor de datas de especial relevancia: Día do Neno (20 de novembro) e Día da Familia (15 de maio).

A carpeta educativa componse dunha Guía para Educadores, un caderno con material complementario, fichas de actividades e o xogo educativo "Milu".

O material que elaboren os nenos será exposto publicamente (de xeito presencial e virtual, na web de Meniños) baixo o título "O Xardín". Ao longo do curso comunicaranse as datas e lugares de celebración das exposicións, así como dos eventos públicos para divulgar os resultados das actuacións.

O Traballo Educativo está deseñado para realizarse con escolares e nenos e nenas que teñen contacto con entidades de tempo libre. En concreto, nenos de 6 a 12 anos (Educación Primaria).

Neste programa pode participar calquera colexio ou entidade de tempo libre que así o desexe, no momento do curso que mellor encaixe nas súas planificacións. Como proposta, poden aproveitarse as datas próximas a conmemoracións significativas, como o Día da Infancia (20 de novembro), Día Escolar da Paz (30 de xaneiro), ou Día da Familia (15 de maio).

"Meniños, Fundación para a Infancia" vén promovendo dende hai anos a realización de actividades de sensibilización. "Facendo Familias" é unha proposta educativa para o fomento da participación da infancia na construción dun ambiente familiar positivo. Nesta campaña colabora o Departamento de Educación e Mocidade do Concello.

Conta cos teus
"Facendo Familias" toma o relevo de "Conta cos Teus!", unha campaña a favor do dereitos a vivir en familia que se levou a cabo no 2004.
En dita campaña participaron 4.492 nenos de 53 colexios e 16 entidades de tempo libre de nenos de toda Galicia, dos que 1.198 pertencían á comarca de Santiago.

Compartir: