EDUCACIÓN

Un traballo sobre ciencia para escolares de educación infantil gaña a sexta edición dos Educacompostela

26/11/2008 A sexta edición dos Premios Educacompostela rematou coa entrega de premios aos gañadores, nun acto celebrado en Raxoi e presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Nesta ocasión, o traballo gañador foi o chamado "Xogando coa luz", realizado por un grupo de mestras de educación infantil de seis centros escolares.

Foi esta unha edición marcada pola variedade e interdisciplinariedade de temáticas recollidas nos traballos: novas tecnoloxías, literatura, arte, etnografía, memoria histórica, xeografía… Así o destacou o xurado duns Premios que galardoan e difunden aqueles materiais educativos que contribúen ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade e a renovación pedagóxica.

O alcalde compostelán valorou o "enorme esforzo" dos mestres para "espertar o interese permanente" dos alumnos e recordou que o "capital humano" segue a ser o factor fundamental da educación. Recoñeceu a calidade dos proxectos presentados e animou aos profesores a seguir traballando con "vocación e ilusión".

A este alento uniuse Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega, a entidade que organiza xunto coa Concellería de Educación este certame. Neste sentido, cualificou como "pioneira" a iniciativa deste Premio, que permite compartir estes traballos coa comunidade educativa e animar a outros a facer tamén traballos neste campo.

Experiencias científicas na educación infantil
O primeiro clasificado, agasallado con 1.200 euros, foi o traballo denominado "Xogando coa luz", realizado por Mª Dolores Vázquez Camino (CEIP Arquitecto Casas Novoa), Mª Carmen Sampedro López (CEIP Mestre Rodriguez Xixirei), Sandra Real Nimo (CEIP López Ferreiro), Mª Fe Taboada Fernández (CEIP Pío XII), Sandra Otero Lemos (EEI-Saiar-Caldas de Reis), Laura Valiño Lemos (EEI-Boavista O Pino) e Mª Ángeles Vidal López (CEIP Pío XII). No seu traballo, o xurado valorou "a introdución de experiencias científicas de xeito rigoroso dentro da aula, co fin de favorecer o descubrimento das relacións entre os distintos obxectos, fenómenos e feitos entre os escolares de educación infantil (3 - 6 anos). O traballo realizouse simultaneamente en seis centros e escolas rurais, e participaron 142 alumnos.

O xurado tamén indica que "en todo momento se reflicte a promoción de actitudes propias do coñecemento científico como a curiosidade, respecto polos experimentos, flexibilidade para propoñer ideas, reflexións, sensibilidade co mundo que lles rodea". Tamén foi apreciado o uso de diferentes recursos, como filmes, vídeos de internet, fotografías, lecturas, conversas cos alumnos ou debuxos, entre outros.

Tras recibir o premio, interveu en nome das premiadas Laura Valiño, quen explicou que este traballo permitiu aos máis pequenos traballar cos diversos fenómenos relacionados coa luz, estabelecendo á vez unha relación con coñecidos científicos. Os rapaces mesmo puideron observar o sol con gafas especiais con cristais afumados.

Xogo con diferentes materias
O segundo premio foi a parar a un grupo composto por Ánxeles Sandino Carreño, Mª Xosé Rodríguez-Moldes Vázquez,Carmen Abril Banet, Carmen Paredes Pérez,Manuel De la Rosa Pérez, Victoria López Rodríguez, todos eles do IES Macías O Namorado, de Padrón. Eles materializaron "O Xogo de Macías", un xogo multidisciplinar que serve para traballar diferentes materias como a literatura, a lingua francesa, as matemáticas, as ciencias da natureza, as ciencias sociais, a plástica ou a lingua castelá. Para eles é o agasallo de 900 euros.

A xuízo do xurado, " virtualidade do xogo é que se pode traballar cada especialidade por separado e dun xeito moi dinámico, onde teñen cabida a mímica, a consulta de enciclopedias, dar unha pequena charla, concretar na internet e nos dicionarios, uso de calculadoras, reprodutoras de CD e DVD, maqueta do corpo humano, figuras xeométricas e moitos outros, nun intento continuado de propiciar a aprendizaxe lúdica dos destinatarios: alumnos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional de Grao Medio".

Unha das mestras, Ánxeles Sandino, destacou a valía do traballo para "alumnos con dificultade de aprendizaxe" e para potenciar as súas habilidades. Tratábase –dixo- de "aprender a aprender".

Memoria histórica
En terceiro lugar foi elixido o traballo titulado "A escola de avós", presentado por Isabel González Ares e Luísa Diéguez González, do IES Puga Ramón (A Coruña). Levarán 600 euros como premio por un proxecto que "recolle un documental sobre a memoria histórica con testemuñas directas que nos falan da situación da escola na Galicia da posguerra e un material didáctico para traballar o documental co alumnado". As autoras contaron con testemuñas dos avós arredor de tradicións, crenzas, oficios antigos, costumes ou a escola da súa infancia, grazas ás entrevistas realizadas polos propios alumnos do centro.

Ademais do feito de traballar co alumnado a memoria histórica, o xurado destacou "a participación do alumnado e do seu contorno de cara a apertura dunha nova liña de transmisión de contidos e a implicación dos membros da comunidade escolar".

Tras recibir o seu premio, Luísa Diéguez declarou a súa ilusión por un premio que lle supón un estímulo para seguir traballando. Anunciou que o importe do premio será cedido á Axencia Humanitaria de Galicia, co obxecto de axudar a nenos que o necesitan.

As novas tecnoloxías aplicadas á arte
O xurado tamén concedeu unha mención ao traballo "1059 imaxes para o estudo da historia da Arte", que actualiza os recursos e a vinculación das TICS na aprendizaxe da Historia da Arte. Foi presentado por Francisco Antonio Pérez Otero, Jorge Rascado Shedden e Fernando Vázquez Pérez, do CPI Pecalama de Pontepedra (A Coruña).

Este material interactivo recóllese nun CD, no que os profesores teñen todo o material necesario para a docencia nesta disciplina. Aos alumnos facilítalles o achegamento ás imaxes artísticas dunha materia tan ampla e esixente. "Destaca o modelo pedagóxico utilizado, de colaboración e coordinación alumno/profesor e interactivo, e baseado tamén nunha aprendizaxe baseada no principio de ensaio-error", engade o xurado.

Compartir: