CULTURA

Máis de 20.000 persoas asistiron xa a Cineuropa 2008

25/11/2008 O Festival Cineuropa 2008, organizado pola concellaría de Cultura, está a colleitar un grande éxito de público na presente edición. Se hai uns días falabamos da mellor marca de asistencia obtida polo filme Gomorra, agora chegan os primeiros datos parciais de espectadores. No que vai de Festival, acudiron xa ás distintas sedes coas que conta Cineuropa máis de 20.000 espectadores, o que supón un incremento de 5.000 asistentes en relación á edición de 2007 nesta altura.

Por outra banda, celebrouse a rolda de prensa de presentación do documental Hollywood contra Franco, que contou coa presenza do director e produtor do filme, Oriol Porta. O filme, que ademais é a opera prima do seu autor, afonda no impacto que a Guerra Civil e o franquismo tiveron no cinema estadounidense da época, a través de testemuñas como as de Susan Sarandon e tomando como fío condutor a historia do guionista neoyorquino Alvah Bessie, que loitou durante a Guerra Civil coas Brigadas Internacionais.

Arredor da Carne de Armando Bo
De cara á xornada do mércores 26, Cineuropa 2008 propón unha dobre sesión que xira arredor dun polémico filme de Armando Bo titulado Carne. A peza, de 1968, foi censurada en Arxentina pola explicitude e a crueza coa que se aborda a violencia e a sexualidade. O filme, que se proxecta ás 21.45 horas na Aula Sociocultural Caixa Galicia, ten como protagonista a Delicia, unha obreira que traballa nunha cámara frigorífico onde é acosada por un despectivo home que a viola na compaña duns amigos.

Un pouco antes, ás 20:00 horas, proxectarase Carne sobre carne, documental arxentino de 2007 que atopa en Carne o seu tema central. Diego Curubeto, director do mesmo, analiza a arriscadísima proposta cinematográfica de Armando Bo, que combinou orixinalidade, altas doses de melodrama e o particular imaxinario erótico dun porteño formado no clima represivo dos anos 20 e 30. Desta combinación xorde o personaxe de Isabel Sarli, auténtica icona sexual na Arxentina cun estilo que ten a curiosa característica de ser audaz e conservador ao mesmo tempo.

No Centro Galego de Arte Contemporánea, ás 20:15 horas, pasarase a última creación de Barbet Schroeder, O avogado do terror, filme controvertido que tampouco foxe da polémica. O documental trata a enigmática figura de Jacques Vergès, avogado que foi acusado ao tempo, de comunista, anticolonista e extremista de dereitas. Vergès era, nos anos 60 un avogado mozo que abrazou a causa anticolonialista alxeriana para, mais adiante, aceptar a defensa, entre outros, do tenente nazi Klaus Barbie.

Compartir: