TURISMO

Catas, menús e tapas en "Santiago Repetirás"

25/11/2008 O sábado 29, o Hostal dos Reis Católicos acollerá a segunda das catas con maridaxe de produtos galegos dentro do programa de Santiago Repetirás. Neste caso cataranse viños da Denominación de Orixe Rías Baixas maridados con queixos da Denominación de Orixe Tetilla.

As catas con maridaxe están abertas tanto para persoas de Santiago como a visitantes. Expertos en viño e queixos comentarán as características de cada un dos produtos e a súa combinación. As reservas desta actividade poden facerse na web www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160. O prezo da actividade é de cinco euros e o seu aforo é de 40 prazas.

Outras das actividades de Santiago Repetirás son os Menús de Cociña de Outono e as Tapas de Cociña de Outono, nas que participan 36 estabelecementos da cidade. Os estabelecementos ofertarán menús ou tapas temáticos preparados sobre os pratos e produtos típicos de outono, como caza, cogomelos, castañas, etc. No mes de xaneiro comezarán os Menús de Cociña de Inverno e as Tapas de Cociña de Inverno, neste caso con caldos, guisos, callos, etc.

Algúns dos pratos que ofertan os restaurantes nos seus menús son Guiso de cantarelos con castañas, Guiso de corzo con níscaros e Filloas rechea de crema de castañas, ou Zamburiñas gratinadas con aceite de allo e romeu, Verdinas de Lourenzá con marisco, Guiso de caza menor e Mazá asada con crema de Tofe. Entre as tapas, hai algunhas como Magosto mariñeiro, Triloxía de orella, ou Xabaril guisado con compota de mazá.

Para a comunicación desta actividade editouse unha Guía Gastronómica, onde se recollen os estabelecementos participantes e os menús e tapas que ofertan. A Guía tamén inclúe un resumo das distintas actividades do programa, como as Catas de viño con maridaxe, os Talleres Gastronómicos para nenos e o Taller Merco e Cociño con... As Guías poden solicitarse na Oficina Central de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, 63, ou nos propios estabelecementos participantes.

Compartir: