URBANISMO

As obras de urbanización do SUNP-12 de Lamas de Abade comezarán a principios de 2009

25/11/2008 A concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, explicou os acordos do último Consello de Administración de EMUVISSA, celebrado na mañá do martes 25. No mesmo, entre outros acordos, adxudicáronse as obras de urbanización do SUNP-12 de Lamas de Abade.

A UTE Alcomte Galicia S.L-Misturas Obras e Proxectos foi a gañadora dun concurso ao que se presentaron 29 empresas. Cunha baixa do 25% e un importe de melloras de 404.125 euros, esta unión de empresas poderá comezar as obras a principios de 2009, cun prazo de execución de nove meses.

Mercedes Rosón destacou os altos parámetros de calidade deste polígono, no que se construirán unhas 341 vivendas, a maioría protexidas. Tamén indicou que a intención é compatibilizar as obras de urbanización coas das propias vivendas, para as que xa se solicitaron as oportunas licenzas.

Alleamento de parcelas
O Consello de Administración de EMUVISSA tamén aprobou as bases para o concurso público de alleamento de varias parcelas: tres no SUP-7 de Pontepedriña, con destino a vivendas de protección autonómicas de réxime especial e de réxime xeral, e outras tres no SUNP-14 de Tras Paxonal., neste caso dedicadas a vivendas de protección autonómica de réxime especial, de prezo xeral e de prezo concertado. En total, serán 215 vivendas.

No caso do SUP-7 de Pontepedriña véndense tres parcelas (M2, M5 e M8) destinadas a 43, 39 e 22 vivendas respectivamente, en cuns prezos de venda de 1.102.000, 1.334.000, e 757.000 euros.

En Tras Paxonal, as tres parcelas en venta (ER1, ER6 e ER7) destinaranse á construción dun máximo de 33, 39 e 39 vivendas respectivamente. O seu prezo é de 1.362.080, 2.146.000 e 1.760.880 euros. Segundo indicou o xerente de EMUVISSA, Xosé Manuel Rey Pichel, na determinación dos compradores prima sobre todo a calidade construtiva, un factor que supón o 60% da puntuación.

Orzamento para 2009
Na reunión tamén se aprobou o orzamento de EMUVISSA para 2009, que ascende a 42.106.206 euros. Segundo indicou Rey Pichel, este orzamento empregarase en torno a dous eixes fundamentais: a adquisición de solo para o polígono de vivendas da Pulleira, o primeiro do novo PXOM, e as obras de urbanización dos polígonos 5, 7, 11, 12 e 15. En particular, destacou o reto que, pola súa dimensión, vai ser para a Empresa Municipal de Vivenda e Solo o desenvolvemento do solo da Pulleira, no que se prevé completar o proceso de expropiación en 2009.

Compartir: