NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Flis-fli-ris-flás" anima aos máis pequenos a ler e a empregar o galego

25/11/2008 "Flis-fli-ris-flás, Cóntallo en galego" é unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura do ámbito familiar que está chegando á totalidade de rapaces de 1º e 2º de primaria de Galicia. Trátase dunha proposta que combina teatro, literatura e novas tecnoloxías, á vez que implica ás familias.

Todos os rapaces de entre 6 a 8 anos de Compostela recibiron xa unha bolsiña co conto de "Flis-fli-ris-flás", ademais dun CD interactivo que converte aos nenos nos protagonistas dunha singular aventura. E como complemento disto, realízase unha obra de teatro, que agora chega a Santiago con dúas representacións, o domingo 30 de novembro, no Auditorio de Galicia, con sesións ás 12:30 e ás 18:30 horas. A actividade está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a editorial Galaxia en colaboración coa Concellería de Educación e Normalización Lingüística.

A historia que representará a compañía Matapiollos ten como protagonista a Martiño, un rapaz que coma todos ten certos medos. Non soporta a escuridade, e cando chega o momento, fai todo o que pode para non quedar ás escuras. Pero unha noite todo vai ser distinto...

Matapiollos introduce a técnica da luza negra coma un dos elementos principais deste espectáculo no que tamén interveñen monicreques. A música orixinal, composta para a obra é outro dos elementos esenciais da trama. Cancións vivas e cheas de ritmo viaxan pola historia ao mesmo tempo que o protagonista, animando aos cativos a cantar, axudan a Martiño na súa aventura no fondo do mar.

Estas representacións teatrais e a campaña foron presentados en Raxoi pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez; pola secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López, e por Paco Castro, da editorial Galaxia.

Compartir: