XUNTA DE GOBERNO

Impulso ás infraestruturas deportivas de San Lázaro e Fontiñas

25/11/2008 Coa adxudicación definitiva dos contratos de execución da primeira fase da área de deportiva de San Lázaro e das obras do pavillón de Fontiñas, a Xunta de Goberno deu un impulso definitivo a estas dúas infraestruturas deportivas. O Goberno local aprobou tamén a revisión de prezos do servizo de limpeza e obras de reposición do pavimento en varias rúas da cidade histórica.

En San Lázaro poden xa comezar as obras para dotar a este barrio, nun prazo de 10 meses, dunha nova zona deportiva. A primeira fase adxudicada suporá a construción dun campo de fútbol con gradas, vestiarios, un aparcadoiro de 69 prazas e unha pequena dársena de autobuses. A nova instalación estará nunha parcela a carón das instalacións do SERGAS, en San Lázaro, entre a rúa de San Lázaro e a rúa Penamaría. O investimento é de 1.060.000 euros máis IVE.

O campo terá dimensións regulamentarias (65 por 105 metros) e dará servizo principalmente aos clubs Amio e Vitoria. Inicialmente será de terra e nunha fase posterior pasará a ser de herba artificial. Ademais da zona deportiva está prevista unha zona verde duns 10.000 metros cadrados e un vieiro de acceso de 1.680 metros cadrados.

Respecto ao pavillón polideportivo de Fontiñas, a Xunta de Goberno adxudicou definitivamente as obras, por importe de 1.687.000 euros e un prazo de execución de 14 meses. Esta instalación ubicarase en dous planos de uso: un dende a Avenida de Madrid e outro dende a praza que ensancha a beirarrúa da rúa de Lisboa. Construiranse 2.624 metros cadrados, incluídas as zonas cubertas exteriores. O financiamento está compartido entre o Concello e as consellarías de Cultura e Deporte e de Educación e Ordenación Universitaria.

Servizos
A proposta da concelleira delegada de Limpeza acordouse a rectificación do acordo de ampliación de contrato de limpeza viaria e a revisión de prezos do ano 2008. Deste xeito, o canon anual que se paga á empresa concesionaria queda fixado en 7.390.544 euros.

Esta modificación responde a que, cando se aprobara a revisión de prezos para 2008 pola aplicación do IPC en decembro de 2007, non se tivera en conta o custo do 1,50% de concienciación cidadá no apartado de puntos limpos do Tambre e de Piñor, e no baldeo e rego en festivos. Ademais, tense en conta que nos meses de xaneiro e febreiro non se certificara o Punto Limpo de Piñor nin o baldeo e rego de festivos. O primeiro non se certifica ata mediados de abril e o segundo dende marzo. A partir do mes de maio xa se certifica o canon anual íntegro de 2008.

Cidade Histórica
En materia de Rehabilitación e Cidade Histórica, adxudicáronse obras de mantemento e reparación do pavimento de diversas zonas do casco histórico, por importe de 43.222 euros máis IVE. Entre outras, actuarase en rúas como Castrón D'ouro, Rodas ou Rodrigo de Padrón.

Parques e Xardíns
No ámbito de Parques e Xardíns, o Goberno municipal acordou iniciar o expediente para contratar o Servizo de Conservación e Mantemento do Parque de Salgueiriños, reservado a centros especiais de emprego. O tipo de licitación quedou fixado en 76.381 euros máis IVE.

Festas
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi o programa de corais do Nadal e a iluminación de varias rúas nestas datas. Aprobouse un orzamento de 10.414 euros para o programa de corais e de 12.000 euros para o 30% do custo da iluminación das rúas Alfredo Brañas, Xeneral Pardiñas, Montero Ríos, porta da Pena-Troia, Rúa Nova de Abaixo e esquina República Arxentina con San Pedro de Mezonzo. Tamén está comprendida nesta partida a achega do 50% á iluminación do Pazo de Raxoi.

Cultura
En Cultura, deuse o visto bo á concesión de subvencións a 42 entidades sen fin de lucro do ámbito cultural, por importe total de 45.000 euros. As axudas van dende os 400 aos 2.500 euros.

Muller
Finalmente, deuse conta da concesión dunha subvención da Deputación Provincial da Coruña para a elaboración, publicación e difusión do Plan Municipal de igualdade. A contía da subvención é de 24.992 euros.

Documentos relacionados



Compartir: