DEPORTES

Os deportistas composteláns proxéctanse cara a elite

24/11/2008 A Fundación Compostela Deporte, en consonancia política deportiva do Concello, puxo en marcha no 2005 o programa de Bolsas de Formación e Perfeccionamento para deportistas individuais. Os resultados dun estudo realizado por Mariano García-Verdugo, membro do Comité de Selección das Bolsas, amosa que a evolución dos deportistas composteláns con proxección de cara á elite é unha realidade.

Os datos deste estudo danse a coñecer antes de que o martes 25, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, se celebre a Gala de Entrega das Bolsas 2008, na que se coñecerán os nomes dos novos beneficiarios. O informe indica que "observando todos os nomes dos bolseiros e bolseiras nestes catro anos, compróbase que nove dos e das deportistas que comezaron no ano 2005, mantéñense no presente ano. Isto fai pensar que estes deportistas teñen a continuidade e constancia que lles pode permitir chegar á elite". Ademais, dos que xa non aparecen, hai algúns que seguen desenvolvendo a práctica deportiva, pero xa non acceden ao programa por pasar da idade regulamentaria.

Dado a que as competicións que puntúan se mantiveron durante estes catro anos, pódese apreciar que os 20 primeiros dos baremados foron subindo a puntuación. Isto supón que o nivel, tanto en competicións internacionais, estatais ou autonómicas, foi mellorando ano a ano.

Outro dos obxectivos da Fundación é o fomento da práctica do deporte feminino. Neste senso compróbase que de ano en ano o número de bolseiras sube en cantidade e calidade. En 2008 o número de bolseiras superou mesmo ao de bolseiros.

Diversificación
Por outra banda, a diversificación nos diferentes deportes é ampla, o que indica que o abano de especialidades non se centra nunhas poucas. Isto pode facilitar que haxa referencias en moitas delas e que sexan máis os rapaces e rapazas que se poidan iniciar na práctica deportiva.

Á vista dos datos destes catro anos, dedúcese que o programa, aínda que mellorable, está acadando resultados positivos. García-Verdugo apunta no estudo que o programa de Bolsas da Fundación xurdiu tras observar que "os deportistas que posúe nunha xenética e potencialidade para achegarse ao alto rendemento pasan por moitas dificultades ao longo da súa vida deportiva. Isto acrecéntase nas primeiras etapas da súa formación por unha serie de causas (dispersión de intereses, incompatibilidade cos estudos, incomprensión por parte dalgunhas familias, a non suficiente formación por parte dos adestradores, etc). Estas e outras moitas circunstancias, fan que unha porcentaxe moi alta destes deportistas abandone a práctica do deporte".

O programa de Bolsas xorde para cubrir a necesidade fundamental no desenvolvemento dun plano de apoio ao deporte base da cidade para acadar resultados deportivos no máximo nivel, que permitan cumprir os obxectivos e chegar a formar parte da elite deportiva.

Documentos relacionados



Compartir: