ALCALDÍA

A apertura do primeiro tramo da autovía entre Santiago e A Estrada desconxestiona unha das principais entradas á cidade

21/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu ao acto inaugural do primeiro treito da autovía libre de peaxe entre Santiago e A Estrada. Este tramo une Santiago coa Ramallosa (Teo) e tivo un custo de 65 millóns de euros.

A posta en servizo desta infraestrutura de altas prestacións e libre de peaxe permitirá alixeirar unha das entradas con máis conxestión de tráfico da cidade. Mellorará as comunicacións non só coa Estrada, senón tamén con localidades da periferia da cidade e do limítrofe concello de Teo. Así o resaltaron nas súas intervencións o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleria de Política Territorial, María José Caride.

O desenvolvemento residencial, sobre todo no núcleo de Cacheiras, tivo como consecuencia a conxestión do tráfico da estrada autonómica AC-841, que ata o de agora absorbía en exclusiva todos os fluxos de tráfico (uns 24.000 vehículos diarios) de entrada e saída entre Santiago e as urbanizacións da zona que xurdiron ás marxes da mencionada estrada autonómica.

Polo tanto, o treito da autovía é unha alternativa á AC-841 que dará servizo a unha área que suma máis de 150.000 habitantes, xa que canalizará por unha banda os tráficos de longo percorrido que se dirixan á Estrada e por outro, tamén os de curto percorrido cara as urbanizacións da zona.

O treito da AG-59 entre Santiago e A Ramallosa consta dun tronco principal de seis quilómetros de lonxitude composto por catro carrís, dous de ida e dous de volta por calzada. Ademais, a autovía conta con sete ramais de enlace (coa estrada N-525 Santiago-Ourense, coa AP-53, cos Tilos, con Tras do Eixo, con Cacheiras, cos Verxeles e coa Ramallosa), que suman un total de oito quilómetros.

A nova autovía queda enlazada coa autoestrada de Ourense e este acceso será gratuíto para todos os usuarios da AG-59. Ademais, mellorouse a capacidade dos últimos dous quilómetros da autoestrada, xa que se construíu un carril adicional por sentido no treito final da AP-53, que agora dispón de tres carrís en cada dirección.

Compartir: