CONSORCIO

O Compostela Organum Festival brinda unha homenaxe ás mulleres compositoras

21/11/2008 O ciclo de música Compostela Organum Festival segue a ofrecer en Compostela concertos únicos de órgano. Nesta ocasión o acto céntrase nas mulleres compositoras, as grandes esquecidas de historia da música, sobre todo do órgano.
O Concerto faise na Igrexa das Ánimas, o sábado 22 ás 20:30 horas, dada a acústica que este recinto ofrece.

O Dúo Organicanto, composto por Chistiane Van Gorp no órgano, e Muriel Batbie Castell como soprano, interpretará obras da polífacética Hildegard von Bingen, do século XII, escritora, pintora, bióloga, e que ademais de ter unha extensa obra literaria e científica, compuxo música gregoriana e escribiu 77 cancións. Coas súas obras Hildegard von Bingen foi máis aló das normas da música medieval outorgándolle unha nova linguaxe.

Xunto a ela, tamén se poderá descubrir outra faceta dunha muller coñecida, pero non precisamente como compositora. Trátase da raíña Ana Bolena, segunda esposa de Enrique VIII, que destacou pola súa habilidade para o baile e a música, sendo autora dalgunhas exquisitas cancións.

A terceira destas mulleres compositoras é a italiana Francesca Caccini, que viviu a cabalo dos séculos XVI e XVII. Compositora, cantante, profesora de música e poetisa, coñecida por ser a primeira muller en compoñer unha ópera. Tratarase dun percorrido musical pola Idade Media o Renacemento e o Barroco da man das mulleres de tres países diferentes: Alemaña, Inglaterra e Italia.

Órgano das Ánimas
Construído en 1880 por Ramón Cardama. A súa estrutura é a dun órgano ibérico clásico, con teclado partido e trompetería horizontal. Non sufriu ningunha modificación dende a súa construción, pero foise relabrando aos poucos, ata que en 2005 o Consorcio de Santiago decidiu a súa recuperación. Cando os irmáns Desmottes empezaron os traballos de restauración atopábase completamente desmontado, revolto e almacenado na tribuna da igrexa. Tras a restauración, celebrouse o concerto inaugural o 22 de xaneiro de 2006.

Compartir: