ALCALDÍA

A cidade recoñece o labor do Colexio La Salle na formación de varias xeracións de composteláns

21/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a praza de San Xoán Bautista de La Salle, na confluencia das rúas Valle-Inclán e San Roque. Ademais, aproveitou para inaugurar a remodelación da primeira destas rúas, nas que se investiron 1.147.368 euros.

Nun concorrido acto no que participaron os alumnos e mestres dos colexios Inmaculada e La Salle, Sánchez Bugallo recordou os seus tempos de alumno neste último centro e agradeceu o labor do profesorado na formación de varias xeracións de composteláns. Esta nova praza expresa, segundo o alcalde, "o afecto polo labor de La Salle en Santiago". Tamén interviron no acto os directores da Inmaculada e de La Salle, Jorge García e Jorge Meneses e, en representación dos alumnos, Pablo Bouzas e Sofía Casal.

O pleno ordinario do mes de outubro acordara, a proposta do alcalde, darlle o nome de San Xoán Bautista de La Salle á praza situada no entronque entre as rúas Valle-Inclán e San Roque. A elección deste nome para a praza responde á propia historia do Colexio ubicado ao lado e á denominación do mesmo. Así, compre lembrar que, a finais do século XVIII, Xoán Bautista de La Salle transformou a educación do seu tempo, cambiando o modelo de escola na que se instruía "de un en un" para ensinar a toda unha clase á vez. Ademais, decidiu deixar de ensinar en latín para facelo na lingua propia.

Na actualidade, máis de 800.000 nenos e mozos de 80 países reciben a súa educación en escolas lasalianas, que promoven a gratuidade da educación, e contribúen ao crecemento persoal dos seus alumnos, estimulando a capacidade de creación, de iniciativa e o espírito crítico.

Con estes criterios, La Salle imparte ensino en Santiago de Compostela dende o ano 1923. Durante os primeiros anos, os irmáns de La Salle rexentaron a Escola da Inmaculada. Pero quedaban sen cubrir os estudos de segunda ensinanza. Co apoio e a colaboración dos Antigos Alumnos e a xenerosidade da escola dona Isabel García Blanco, o 27 de xullo de 1953, púxose a primeira pedra do que hoxe é o Colexio La Salle.

Durante máis de medio século este colexio exerceu de centro dinamizador da educación na cidade. Na actualidade o centro educativo La Salle conta con preto de millar e medio de alumnos, dende ensino infantil ata bacharelato. Polas súas aulas teñen pasado moitas xeracións de compostelás, que hoxe poñen os valores aprendidos nesta escola ao servizo de toda a sociedade compostelá.

Reurbanización da rúa Valle-Inclán
O proxecto de reurbanización da rúa contemplou a pavimentación da dársena de autobuses con formigón, malia que continúa en lousa de pedra tanto a beirarrúa e o acceso peonil no tramo baixo da Ruela de Caramoniña, que tamén se saneou, mellorando a circulación de coexistencia entre o tráfico rodado e o peonil.

O espazo diante da entrada ao Colexio La Salle pavimentouse de novo con lousas de pedra en forma de escalinata-graderío e completouse a actuación coa plantación de arborado. Mellorouse igualmente o xardín da horta de San Roque.

Así mesmo, tamén se levou a cabo a renovación das redes de servizos. En particular, o máis visible é o cambio no alumeado público, cunhas luces máis acordes co entorno. Pero tamén se renovou a recollida da augas pluviais, a evacuación de augas residuais e as redes de abastecemento, de electricidade e de telecomunicación.

Estas obras de reurbanización inscríbense nas directrices do Plan Especial da Cidade Histórica.

Compartir: