MULLER

Os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero diríxense nesta ocasión ao mundo do deporte

21/11/2008 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou esta mañá os actos que se van realizar con motivo do Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero, o martes 25 de novembro. Nesta ocasión, o acto de sensibilización está dirixido ao mundo do deporte.

Esta iniciativa segue a liña de 2007, na que os actos se dirixiron ao mundo empresarial e laboral. O obxectivo, segundo explicou Mar Martín, é achegar mensaxes de sensibilización a aqueles ámbitos nos que se dá unha presenza maioritariamente masculina. Trátase de implicar aos homes nesta loita contra a violencia de xénero e conciencialos da necesidade de denunciar aquelas situacións de violencia que coñezan.

O acto central celebrarase ás 19:00 horas no pavillón polideportivo do Restollal. Alí, en presenza de 20 entidades deportivas, o alcalde lerá unha declaración institucional de sensibilización contra a violencia de xénero. Os nosos e as nosas deportistas terán tamén a oportunidade de ler distintos lemas sobre esta cuestión.

Outro ámbito ao que se quere achegar mensaxes de sensibilización é o educativo, porque do mesmo debe partir unha auténtica política de prevención e de educación en valores e na igualdade. Neste marco organizouse a VIII edición do concurso "Educando na convivencia en igualdade", dirixido ao alumnado do 2º ciclo da Educación Secundaria Obrigatoria.

As alumnas e os alumnos, a través dun cartel e dun texto explicativo, amosan a súa visión sobre a violencia de xénero. Todos estes traballos estarán expostos dende o 25 de novembro ao 5 de decembro. Os autores e autoras dos carteis gañadores recibirán os seus premios nun acto que se celebrará, tamén neste 25 de novembro, ás 12:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche.

Pleno municipal
A concelleira de Benestar Social explicou horas antes nun Pleno extraordinario as estratexias, obxectivos, programas e recursos do Concello en materia de políticas sociais. Boa parte destas iniciativas xa foran explicadas o xoves 20 na presentación ante a prensa e logo ante o Consello de Servizos Sociais do I Plan Municipal de Servizos Sociais 2009-2013.

En resposta ao PP, quen solicitara este Pleno, tanto Mar Martín como Elvira Cienfuegos –en representación esta do BNG- explicaron os programas en marcha e os que se impulsará en 2009, ano no que o compromiso municipal é o de seguir aumentado o orzamento para políticas sociais, malia os tempos de dificultade económica.

Compartir: