EMPREGO

Trinta persoas acceden ao mercado laboral en só dous meses a través do Proxecto Crear V

20/11/2008 Trinta persoas, das 75 que participan no Proxecto Crear V, accederon ao mercado laboral dende que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego empezou a desenvolver o programa, o día 15 de setembro. Esta cifra representa o 40% do total, e é cinco puntos superior aos obxectivos de inserción fixados pola Xunta de Galicia ao remate do programa, que son de 26 participantes, o 35% do total. Está previsto que o programa remate o 31 de outubro do 2009.

As persoas inseridas laboralmente son 16 mulleres e 14 homes. Trece destas persoas teñen estudos superiores: licenciaturas e diplomaturas. Outras nove contan coa titulación de Formación Profesional II. A franxa de idade onde máis insertados hai é a que vai dende os 25 aos 34 anos, cun total de 19 insercións laborais.

O obxectivo do Proxecto Crear é facilitar o acceso ao mercado laboral a persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas/os de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. As persoas que participan no programa reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción.

Unha vez concretado o plan persoal de inserción, no que se definen os perfis profesionais das/os participantes, desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. A proposta formativa está integrada por 42 cursos que suman 880 horas lectivas, e que son impartidas por persoas expertas na materia.

A última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente. Aquelas que accederon ao mercado laboral pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego intégranse na Bolsa de Emprego.

O orzamento do Proxecto Crear V é de 125.647 euros, cofinanciados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Esta cantidade divídese en duas anualidades, 80.680 euros para o ano 2008 e 44.966 euros para o ano 2009.

Compartir: