EDUCACIÓN

Educación impulsa un programa de prevención da obesidade no seu calendario de actividades para o curso

20/11/2008 Un programa para a prevención da obesidade ou outro de apoio ás ANPAS son algunhas das novidades para o curso 2008-2009 no programa de actividades da Concellería de Educación. A súa titular, Guadalupe Rodríguez, presentou o a lista completa de actividades.

Co obxectivo de consolidar a Compostela como cidade educadora, xorde como cada ano este amplo programa de actividades para o curso, recollidos nunha publicación da que se tirarán 1.000 exemplares. A publicación recolle abondosa información, incluída a dos novos equipamentos que entran en funcionamento neste curso. Reflíctense os distintos programas, as subvencións, un directorio de entidades e institucións que desenvolven programas educativos, os datos básicos dos centros de ensino non universitario de Santiago e mesmo datos de matrícula e participación do curso 2007-2008.

Entre as novidades deste curso, Guadalupe Rodríguez resaltou o impulso dun programa –xa presentado hai uns meses- no ámbito da educación para a saúde. Trátase do Proxecto Thao, concretado aquí no programa didáctico "Comer cos cinco sentidos". O seu obxectivo é contribuír a que os escolares adquiran hábitos saudables e unha boa alimentación.

Este programa está dirixido a rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Grazas a distintos obradoiros, afondarase en todos aqueles elementos que teñen que ver coa alimentación dos escolares: as materias primas, a cociña, os profesionais da cociña, o instrumental e vestiario, a limpeza e preparación de alimentos ou a importancia dos sentidos na cociña.

Outra das novidades é un programa de apoio ás asociacións de nais e pais de alumnos (ANPAS) para o tempo libre escolar. Este é un servizo que servirá de complemento dos servizos de comedor escolar e do programa de madrugadores nos centros de ensino.

O programa permitirá utilizar as instalacións dos centros educativos para a desenvolver actividades deportivas, artísticas ou relacionadas coa saúde ou o lecer. Trátase de empregar o tempo libre non escolar para contribuír á formación integral dos escolares, promovendo hábitos de vida saudables. Entre as actividades xa previstas están diversos obradoiros: plantas ornamentais, educación viaria, alimentación e nutrición infantil, hábitos de conduta, lectura, educación sexual e afectiva, etc. Tamén se organizarán xogos populares e actividades gastronómicas e deportivas.

Compartir: