BENESTAR SOCIAL

O Concello traza a súa estratexia global para promover cotas sostibles de benestar social entre os composteláns

20/11/2008 A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presentou o I Plan Municipal de Servizos Sociais, que abranguerá o período 2009-2013. Este documento define unha "estratexia global, dende a que promover cotas sostibles de benestar social, paro o conxunto da sociedade compostelá, para dar unha resposta de carácter integral -ao tempo que flexible e adaptada- á complexidade crecente das demandas sociais". Para 2009, o orzamento municipal para estes programas sociais será duns 800.00 euros.

Este Plan quere dar un maior impulso ás políticas preventivas que atendan a reducir os diversos factores de risco que poden favorecer a aparición de situacións de vulnerabilidade e exclusión social no municipio. O Concello quere garantir unha resposta integral ante estas situacións e definir unha dinámica de traballo en rede neste campo, promovendo un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Segundo indicou Mar Martín, esta estratexia global parte dunha concepción integral das políticas sociais: prevención, atención e integración social. A partir desta fórmula deseñouse unha serie de liñas estratéxicas, unha destinadas á mellora organizativa e outras ás propias intervencións no marco social compostelán.

Atención á dependencia
En canto ás actuacións prioritarias, este Plan dedica un amplo espazo á atención á dependencia. O obxectivo é potenciar o coñecemento das persoas con autonomía persoal limitada e do colectivo de persoas maiores, e por en marcha os recursos e servizos axeitados para a atención das súas necesidades.

Entre as medidas previstas nesta área está a difusión da oferta de todas as Administracións neste ámbito da dependencia e a promoción de accións de sensibilización, ademais da potenciación de prácticas favorecedoras dunha vida activa e saudable.

Nas políticas municipais prevese un aumento da oferta de actividades de desenvolvemento físico e psicomotriz, o incremento das actividades de fomento de hábitos de vida saudables ou a implementación de axudas de apoio a programas de integración de persoas maiores en actividades de voluntariado.

Favorecerase o incremento da porcentaxe de persoas de persoas beneficiarias da Teleasistencia Domiciliaria (TAD) ate acadar un mínimo do 6% das persoas maiores que, no municipio, viven soas. Tamén se aumentará a porcentaxe de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ate acadar un mínimo do 2% das persoas maiores de 64 anos.

Neste mesmo campo, o Concello pretende ofrecer os servizos de comedor e lavandería sobre rodas como un recurso municipal, e mellorar as condicións de habitabilidade e accesibilidade nos fogares nos que residan persoas con autonomía persoal limitada. O Programa de Eliminación de Barreiras no Fogar recibirá unha maior dotación orzamentaria.

Un programa de acollemento interxeracional, outro de apoio ao respiro familiar, a activación de grupos de autoaxuda, o apoio a sistemas de aloxamento alternativo, o impulso á construción de vivendas comunitarias ou a atención integral ás persoas en situación de emerxencia sanitaria serán outras das prioridades da actuación municipal nestes cinco anos.

Inclusión social
Na área da inclusión social, o Plan aposta por reforzar os dispositivos municipais orientados á integración sociolaboral das persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade ou exclusión social.

Mellorar os protocolos de inserción sociolaboral e os mecanismos de coordinación con entidades e administracións é un dos obxectivos do Concello. Ademais, promoverase a adquisición de habilidades sociais e laborais, reforzaranse as actividades socioeducativas e desenvolverase un servizo de orientación psicolóxica e xurídica

O Concello tamén estima prioritario aumentar os recursos de acollemento temporal a persoas e familias en situación de emerxencia e eliminar a infravivenda. Neste sentido, realizarase un estudo para localizar este tipo de vivendas, eliminaranse os focos de infravivenda baleiros e habilitaranse axudas directas para a realización de actuacións reparadoras en fogares localizados neste tipo de inmobles.

Neste mesmo campo de actuación figura a creación de consellos de barrio, que permitan maximizar os recursos do municipio neste ámbito da inserción sociolaboral e da atención á exclusión.

Atención á infancia e ás familias
En canto á atención á infancia e ás familias, a meta é o reforzamento das capacidades das familias cara a educación dos seus fillos. Por iso, impulsaranse programas como o de pais e nais, o de obradoiros para a resolución de conflitos, o de apoio escolar ou o de educación na rúa.

A prevención é unha das claves neste campo, e de aí a necesidade de incrementar a capacidade para o desenvolvemento dos roles parentais. Nesta dirección, reforzarase o programa para familias con menores en situación de risco e outros como o de resolución de conflitos na aula, o de intervención en familias de menores e adolescentes ou o de intervención familiar.

Minimizar as repercusións negativas que as situacións de separación provocan nos menores tamén será un obxectivo primordial, ao igual que a dotación de recursos e apoio á conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Neste último punto, melloraranse programas como o de canguros e impúlsanse outros como un banco de tempo ou o comedor escolar.

Depois de presentar ante os medios de comunicación este I Plan Municipal de Servizos Sociais, a concelleira Mar Martín tiña previsto presentalo ás entidades sociais no seo do Consello Municipal de Servizos Sociais, previsto para o mesmo xoves 20 de novembro.

Documentos relacionados



Compartir: