CULTURA

Chega a Cineuropa 2008 "Blindness", a última creación do cineasta brasileiro Fernando Meirelles

19/11/2008 Na xornada do xoves 20 de novembro chega á pantalla do Teatro Principal Blindness, un dos filmes máis agardados da tempada cinematográfica. O Festival Cineuropa ofrece aos afeccionados ao cinema de Compostela a oportunidade de gozar da última creación de Fernando Meirelles, autor, entre outros filmes, de Cidade de Deus.

A nova longametraxe de Fernando Meirelles baséase na famosa obra do escritor portugués José Saramago, O ensaio da cegueira, na que unha curiosa epidemia de cegueira sume no caos a toda unha sociedade. As primeiras vítimas son encerradas nun hospital sen recibir explicacións nin apoio. Entre elas está unha muller que conserva a vista en segredo para poder acompañar ao seu marido cego. Un dos atractivos da cinta, amais da brillantez narrativa de Meirelles, é o seu elenco, no que destacan figuras como Julianne Mooore, Gael García Bernal, Mark Ruffalo ou Danny Glover.

Outra das citas do día chega ás 23:30 horas no Salón Teatro, coa proxección do filme arxentino Construcción de una ciudad, de Néstor Frenkel. Este documental, que levantou grande expectación no seu país, narra a particular e paradóxica historia de Federación, un pobo que nos anos setenta foi derrubado e asolagado, por causa da construción da represa de Salto Grande, e cuxos poboadores foron trasladados en masa a unha nova cidade. Resignados ao progreso, os federaenses adaptáronse á súa nova vida: sen lugares de reunión, sen árbores e con casas tan idénticas que se confunden entre si. As familias ficaron dispersas, os amigos deixaron de verse e, no medio dunha crise económica, os trasladados viviron dez anos portas dentro, nunha cidade pantasma.

Compartir: