RELACIÓNS VECIÑAIS

O alcalde deulle a coñecer ao Consello de Relacións Veciñais os plans municipais para a creación de solo industrial

19/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu na Casa do Concello o Consello de Relacións Veciñais. Nesta reunión, os veciños foron informados dos plans municipais en canto a dotación de solo industrial previstos no recentemente aprobado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e dos que xa están en marcha.

Sánchez Bugallo explicoulles aos veciños que a creación de solo empresarial segue a ser unha prioridade do Goberno municipal, consciente de que da vitalidade empresarial depende en boa parte o dinamismo da cidade. Así, o novo PXOM contempla a creación de case 203 hectáreas de solo exclusivamente industrial, ás que hai que unir outras 132 hectáreas de solos nos que se compaxinará o equipamento terciario co industrial. O alcalde detalloulles tamén as infraestruturas viarias que acompañarán ao desenvolvemento dos diversos solos.

Entre as superficies empresariais previstas no PXOM destaca unha nova ampliación do Polígono do Tambre polo norte, onde se habilitarán 97,25 hectáreas máis. O alcalde recordaralles aos integrantes do Consello de Relacións Veciñais que nestes intres estanse a desenvolver as tres superficies industrias da Sionlla, Formarís e Costa Vella (contempladas no anterior Plan Xeral), que sumadas supoñen máis de 2 millóns de metros cadrados. Sen contar aínda as 97,25 hectáreas citadas e engadidas ao actual Polígono do Tambre, deixarán a área industrial máis grande de Galicia, con máis de 4 millóns de metros cadrados.

O outro punto onde se concentrará a maior cantidade de solo industrial será no ámbito de Lavacolla e do nó da súa autovía, con dous solos de 54,88 e 11,50 hectáreas respectivamente. Tamén Conxo terá o seu solo industrial, con 8,30 novas hectáreas.

No ámbito de Monte Medorra-Bando están previstas 30,87 hectáreas de solo industrial. Nesta mesma área de San Marcos contémplanse outros tres solos que combinarán o uso industrial e o terciario, de 51,93, 40,75 e 39,15 hectáreas. Sumaranse así a unha zona na que xa se está en marcha o solo do que será o Parque Científico e Tecnolóxico, onde, entre outras instalacións, estará a Cidade da Imaxe.

Compartir: