PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os emprendedores teñen unha nova cita en Compostela

19/11/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a III Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 2 de decembro no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia. O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago.

O encontro está dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa. A asistencia é gratuita. O prazo de inscrición finaliza o 1 de decembro. Se algunha persoa non lle da tempo a inscribirse, pode facelo o mesmo día do encontro no stand de Promoción Económica onde se entregarán as acreditacións. Para a asistencia á xornada fletaranse dous autobuses grautitos con saida desde o Campus Sur e desde o Campus Norte cara o Pazo de Exposicións e Congresos.

O programa de actividades está concebido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas que participen na xornada poderan coñecer as novas revelacións do márketing moderno, distintas iniciativas empresariais locais, debatir a través do panel de experiencias e participar en talleres. Como novidade, nesta edición contaremos cun acto lúdico, a actuación do monologuista Quico Cadaval sobre a pequena empresa e a crise. Durante a xornada, estarán á disposición das persoas participantes, entre outra documentación, a Guía do Emprendendor Compostelán, Microguías de oportunidades de negocio e a Guía para a elaboración dun plano de empresa.

En 2007 clausurara a II Xornada Emprende en Compostela Ghaleb Jaber Ibrahim, un dos empresarios de referencia en Santiago. Daquela inscribíranse 342 persoas. Na primeira edición, en 2006, puxera fin ao encontro Julio Fernández, fundador de Filmax. Nesta ocasión participaran 389 persoas.

Na III Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, colaboran a Deputación de A Coruña, a USC, o IGAPE, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Caixa Galicia e La Caixa.

Documentos relacionados



Compartir: